A canle Afundación.TV presentará a vindeira semana dúas conferencias a cargo de Ousman Umar, fundador da ONG NASCO Feeding Minds, entidade solidaria centrada no ensino de fundamentos dixitais ás novas xeracións en Ghana, o seu país de orixe.
O primeiro dos relatorios, que está previsto para o martes 9 de novembro ás 12.00 h, está dirixida a un público escolar, mentres que a segunda sesión, o xoves 11 de novembro ás 19.00 h, está pensada para unha audiencia adulta.
A actividade, que se celebra baixo o epígrafe A educación cambia a historia. De emigrante a emprendedor social abordará a relevancia da educación, poñendo o foco na formación tecnolóxico-dixital, como panca de cambio cara a unha sociedade máis xusta.
Segundo sinala a entidade Abanca, responsable da dita canle, estas conferencias apelan á participación de toda a comunidade escolar, “xa que exemplifican a importancia de contar cun sistema educativo integral que permita o pleno desenvolvemento académico de todas as persoas”. Quen teña interese en se inscribir para asistir, en liña, á conferencia para escolares, pode aínda formalizar a súa participación na ligazón específica habilitada. Na sesión para público adulto tamén está habilitada outra ligazón.
Ousman Umar, como dixemos, é fundador e presidente de Nasco Feeding Minds, ONG que traballa na educación a través da tecnoloxía no seu país de orixe: Ghana. Con 12 anos, emigrou do seu país cruzando o deserto do Sahara a pé durante tres semanas. Logo embarcouse en dúas embarcacións en dirección a España, ata chegar á cidade de Barcelona, onde agora reside e dirixe a ONG Nasco Feeding Minds. Esta organización está presente en máis de 23 escolas de Ghana, con 15.000 mozos que completaron a súa formación tecnolóxica. Nasco ofrece tamén bolsas universitarias, accións de sensibilización ambiental e obradoiros de hixiene para evitar doenzas que reduzan o absentismo escolar.
O fundador da ONG que capacita dixitalmente a mocidade de Ghana achegará dúas charlas en Afundación.TV
Compartir Este Artigo

