A empresa galega Navia 3D, con sedes no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e máis en Ribadavia, vén de desenvolver solucións que permiten aforrar custo e tempo en sectores como a cultura, o patrimonio, a arquitectura, o automobilístico ou o da moda. Con só seis meses de andaina, xa realiza desde prototipos de baterías eléctricas ata maquetas para exposicións, visitas virtuais por monumentos ata representacións 3D para cociñas de alta gama francesas. Segundo nos lembran fontes da Tecnópole, foi galardoada novena edición dos premios INCUVI Emprende da Universidade de Vigo.
Destacan as súas contribucións á virtualización do patrimonio, reconstruíndo e recreando (mediante o deseño en 3D) elementos arquitectónicos e artísticos sobre a base da investigación histórica e arqueolóxica. “Pódense realizar percorridos virtuais nunha contorna concreta, a través dun espazo real ou reconstruído de xeito interactivo para múltiples usos”, sinala Rita Pérez, integrante do equipo de Navia 3D amais de virtualizadora e arqueóloga analítica.
Outro dos puntos fortes da empresa é a fotogrametría, un ámbito no que a empresa galega é quen de dixitalizar de maneira precisa calquera elemento. Esta técnica permítelles obter modelos 3D fieis á realidade a partir de fotografías realizadas tanto por cámaras como por drons. O resultado deste labor é emprego para diferentes obxectivos e proxectos. Un exemplo é o caso da igrexa de San Xes de Francelos, en Ribadavia, que pode desfrutarse escaneando o código QR do panel informativo e así acceder a un modelo en 3D da propia igrexa que ofrece información adicional e interactiva. A Tecnópole lembra que “de cara a ofrecer solucións técnicas”, a empresa tamén botou man desta ferramenta para a toma de medicións na igrexa de Santo Domingo de Ribadavia (monumento BIC), que permitiu aos arquitectos encargados do seu proxecto de conservación e restauración optimizar o seu traballo, facilitar a análise, crear planos e efectuar cálculos con moita maior rapidez.

En relación ao campo do motor, presentaron a súa candidatura á incubadora High Tech Auto de Galicia, que fomenta a innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción e ao sector auxiliar de compoñentes. Tamén realizaron un prototipo de batería eléctrica, tanto en modelo en 3D como físico, para a startup de mobilidade eléctrica VI&GO.
Navia 3D facilita a conservación do noso patrimonio con virtualización e fotogrametría
Compartir Este Artigo

