A Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García presentou os detalles dunha nova iniciativa abeirada ao programa de divulgación Mes da Ciencia en Galego. Trátase da proposta Novembro Estelar: ciencia e letras en galego, da escritora e comunicadora de ciencia Estíbaliz Espinosa. Consiste “nun diálogo entre ciencia, arte, música e literatura” que estará en datas vindeiras á nosa disposición a través do Portal da Lingua Galega en forma de charlas e audiovisuais.
Valentín García, na presentación da actividade, recordou que a ciencia “tamén é cultura e non teñen sentido eses compartimentos estancos en que ás veces convertemos as ciencias e as letras, nin tampouco os compartimentos en que ás veces encerramos as linguas, dicindo que unhas son válidas para unha cousa e outras para outra”.
O secretario insistiu en que todas as linguas “teñen a posibilidade de expresar calquera mensaxe de calquera ámbito e a nosa cultivouse abondo nos últimos anos como para desenvolver totalmente esa potencialidade no campo científico”.
Novembro Estelar comezará o vindeiro 8 de novembro ás 12.30 h. coa charla Ciencia e Arte en galego e en Galicia. Nela acompañarán a Estíbaliz Espinosa no Museo Gaiás da Cidade da Cultura o comisario de arte Miguel Ángel Cajigal, coñecido profesionalmente como El Barroquista, e a científica galega e directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra.
A segunda sesión, Novos ollos ao Universo, terá lugar o 13 de novembro ás 19,30 h. desde o Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, onde Estíbaliz Espinosa conversará coa astrofísica Begoña Vilas Costas.
Ambas as dúas charlas, que versarán sobre a interacción entre ciencias, arte e humanidades, así como sobre a situación da ciencia en galego, serán a porta pechada e retransmitidas en directo a través do Portal da Lingua Galega.
Ademais, este proxecto completarase coa publicación de dous produtos audiovisuais aos que se poderá acceder tamén a través do devandito Portal da Lingua. O primeiro deles é o videopoema No xardín nocturno de Antonia, inspirado na figura sobranceira da astrónoma galega Antonia Ferrín Moreiras, con poemas de Estíbalez Espinosa e dirección de Juan Lesta. O segundo é o audiolibro Aquel astro con sentido, que recompila unha antoloxía de poemas da autoría de Espinosa, algúns deles inéditos.
Mes da Ciencia en galego
Estas iniciativas súmanse á oferta que a Xunta de Galicia puxo en marcha co gallo do Mes da Ciencia en Galego en bibliotecas e centros escolares de toda Galicia, fundamentalmente, e aos recursos de diferente índole que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ofrece, a través do Portal da Lingua Galega, en relación coa ciencia en galego.
O Mes da Ciencia en Galego enriquécese co programa Novembro Estelar
Compartir Este Artigo

