O Concello de Ferrol mantén aberto o prazo para que a cidadanía se inscriba nas primeiras materias da nova Aula Aberta de Formación Cidadá, que aborda o uso seguro das novas tecnoloxías da información. Trátase das actividades Constitución dunha empresa. Xestións e trámites online coa administración, cuxo prazo de inscrición remata o día 10, e de Sistemas de videoconferencia, que ten aberto o período para formalizar matrícula ata o 12 de novembro. A devandita Aula Aberta é unha iniciativa municipal de balde aberta á poboación en xeral con formación sobre como sacar o mellor rendemento posible das novas ferramentas e facelo ademais dun xeito protexido, útil, racional e rendible. Todas as materias seguirán un modelo mixto, é dicir, os primeiros e últimos días haberá unha reunión presencial e o resto do ciclo será telemático.
A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, informou esta mañá que este 12 de novembro dará comezo a primeira formación titulada Constitución dunha empresa. Xestións e trámites online coa administración, que contará con dúas edicións, a primeira entre o 12 e o 19 de novembro na Biblioteca Municipal da praza de España e a segunda entre os días 11 e 18 de febreiro no local social de Santa Comba de Covas. Haberá 15 prazas por edición e o prazo de inscrición remata o día 10 de novembro (incluído). Neste caso abordaranse os pasos e modelos para constituír unha asociación e a tramitación electrónica, entre outros asuntos. O modelo de inscrición pode atoparse nunha ligazón específica da web municipal, en formato PDF.
A segunda formación, Sistemas de videoconferencia, tamén contará con dúas edicións, entre os días 16 e 23 de novembro e do 11 ata o 18 de xaneiro. As reunións presenciais terán lugar no salón de actos do Antigo Hospicio (rúa Méndez Núñez, 11) e no local social de San Salvador de Serantes, respectivamente. O último día de inscrición será o 12 de novembro (incluído). O formulario pode atoparse no Taboleiro de Anuncios do Concello, tamén en PDF. Neste caso, explicou Lamas, abordarase a actual importancia das videoconferencias, as principais aplicacións, métodos para xerar contidos en directo ou gravados, a preparación dun streaming ou a forma de gardar os contidos para a súa posterior visualización.
A concelleira lembrou que o prazo de inscrición para as catro formacións restantes abrirase nas próximas datas. “A Aula Aberta de Formación Cidadá”, dixo, é unha “interesante iniciativa, a primeira destas características en Ferrol, que busca poñer a disposición dos veciños unha plataforma a través da cal formarse en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus riscos”, e incidiu na importancia de que se desenvolvan en distintos puntos do municipio “para así achegar a Aula a todos os veciños da cidade e darlles a oportunidade de participar”. Lamas apuntou que no contexto actual “é cada vez máis necesario ofrecer á cidadanía ferramentas e recursos que lles permitan afrontar os novos retos tecnolóxicos con seguridade” e engadiu que desde as institucións “debemos prover este servizo para que a poboación perda o medo a relacionarse dun xeito dixital”.
As materias restantes son Uso de smartphone e alfabetización dixital; Ciberseguridade para persoas usuarias; Uso de redes sociais dirixido a familias e, por último, Uso de redes sociais dirixido a menores (maiores de 10 anos).
Ferrol activa esta semana os primeiros obradoiros TIC da súa Aula Aberta de Formación Cidadá
Compartir Este Artigo

