O Campus Industrial de Ferrol recibiu este martes 9 de novembro a visita de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen tivo ocasión de coñecer polo miúdo os detalles do Proxecto Nereo, unha contribución emprendedora baseada no desenvolvemento de drons mariños autónomos na que participan varios ex-alumnos do Mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica. Argerey estivo acompañada no Edificio de Talleres do Campus de Ferrol polo vicerreitor de Investigación da UDC, Salvador Naya, e a directora do Campus, Ana Ares.
Antecedentes
En 2017, Jaouad Ezzannouny, Jesús Artal e Boris Carballo, por aquel entón estudantes do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais na Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC), comezaron a traballar no deseño e construción dun dron autónomo propulsado por unha vela ríxida que fose quen de navegar longas distancias cun impacto medioambiental cero. Co apoio do profesor Tanasú Almeida, os tres alumnos optaron por unha configuración de trimarán que lles permitiu maximizar a estabilidade e a seguridade na navegación.
Dous anos despois, en 2019, estes tres enxeñeiros trasladáronse ata o Campus Industrial de Ferrol para cursar o Mestrado en Enxeñaría Naval Oceánica. Co apoio do profesorado da antiga Escola Politécnica Superior (EPS) crearon a organización estudantil Oceanic & Marine Engineering Student Association. Ao longo do ano 2020, sumáronse a Nereo cinco novos enxeñeiros e estudantes do devandito mestrado, Jaume Timoner, Pablo Valencia, Carlos Navarro, e David Pérez, así como o alumno do MBA do Centro de Estudos Superiores de Galicia, Carlos de Troya.
Boris Carballo explica que “nestes momentos o proxecto está en fase de proba”. Trátase dun dron a vela, un modelo trimarán a escala de 1:2 de dous metros de eslora no que destaca a utilización dunha vela ríxida como método de propulsión. Carballo engade que contará ademais cun sistema de navegación autónomo que “lle permitirá navegar grandes distancias sen a necesidade de intervención humana desde terra”. O actual equipo de traballo integra a seis enxeñeiros navais e a outros colaboradores de distintas áreas da enxeñaría, a comunicación e a informática.
O obxectivo principal que se marcan para o ano 2021 é o desenvolvemento completo do modelo motorizado, a consolidación do enfoque empresarial do Proxecto Nereo e as probas de navegación con clientes reais.
Durante a visita deste martes Argerey convidounos a sumarse á aceleradora do sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados de Galicia, a Bussines Factory Aero (BFAero), ao tempo que louvou todos os avances acadados nos últimos tempos polo equipo de traballo.
Os responsables do Proxecto Nereo mostran os seus prototipos de drons mariños autónomos á directora de GAIN
Compartir Este Artigo

