A Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, vai organizar durante dous meses unha trintena de seminarios e obradoiros sobre novas tecnoloxías como a Industria 4.0 e as Cidades Intelixentes. O programa comeza este luns cunha actividade formativa sobre financiamento de estratexias de innovación nos fondos Next Generation.
As actividades forman parte do proxecto Novatfe financiado con fondos europeos no marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).
A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades beneficiarias do programa que achegará aos concellos e administracións locais a formación necesaria para a posta en marcha de novos proxectos emprendedores, a implantacións das tecnoloxías facilitadoras nas pequenas e medianas empresas, así como boas prácticas para as entidades locais en todo o relativo ás Cidades Intelixentes e a Administración Electrónica.
Os seminarios e talleres realizaranse cun número reducido de asistentes co obxectivo de “fomentar a participación activa e concentraranse nas zonas que forman parte das áreas de actuación do proxecto Novatfe como a Mancomunidade de O Salnés, concellos das provincias de Ourense e Pontevedra e o municipio de Valença de Minho en Portugal”, explicaron fontes de Vicepresidencia, debullando algunhas das principais temáticas específicas da axenda: Realidade Aumentada, Impresión en 3D, automatización avanzada e robótica, Internet das Cousas (IoT), ciberseguridade industrial, análise de datos a gran escala (Big Data), etc. Estas tecnoloxías son fundamentais “para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e a Industria 4.0, así como o desenvolvemento de novos modelos de negocio para pemes e emprendedores”.
Das actividades previstas para esta semana destaca o seminario en liña Fondos Next Generation: Axudas á innovación e plan de financiamento de eixos estratéxicos nas Smart Cities e Industria 4.0, impartido polo director do Mestrado Universitario en Xestión de Riscos Financeiros do ICADE Business School Luis Garvía.
O martes a Delegación Territorial da Xunta en Ourense acollerá o obradoiro Smart Cities e Administración Local, a cargo de Iván Luis, membro do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG). Esta mesma formación levarase a cabo ao día seguinte na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Ademais, o xoves na sede da Mancomunidade de O Salnés o seminario centrarase nas Tecnoloxías de vangarda para o turismo, nun relatorio de Manuel Meijide, de ILUX Technologies.
Os interesados en participar poden consultar tódalas actividades na web do proxecto e no portal de Eido Local.
A Xunta achega dous meses de actividades formativas centradas na Industria 4.0 e nas Cidades Intelixentes
Compartir Este Artigo

