Este luns 15 inauguráronse na sede da Deputación da Lugo as actividades do novo Ciclo de Conferencias Luis Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e a entidade provincial lucense. O programa inclúe citas de divulgación ata o 24 de novembro, todas elas coa arela común de contribuír á transformación do noso agro. Na sesión de apertura participou o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, quen salientou iniciativas da Deputación como o plan Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, co que a institución ofrece formación e asesoramento gratuítos a pemes e autónomos en materia de evolución tecnolóxica. Nel, sinalou, xa están inscritas cen pemes do ámbito provincial.
Nas xornadas, que se desenvolven en formato mixto -de xeito presencial no salón de actos da Deputación de Lugo e telemático a través da canle de Youtube da RAGC-. García Pernas enmarcou o apoio da institución provincial ao ciclo “dentro da nosa aposta para que a inmensa riqueza medioambiental coa que contamos na provincia de Lugo sexa unha oportunidade de desenvolvemento sustentásbel, tanto a nivel social como a nivel económico”. O deputado enxalzou á organización pola temática das xornadas, porque “na Deputación estamos convencidos de que dous factores esenciais para que as explotacións agrogandeiras sexan máis competitivas e sustentables, e para que gañen produtividade, son a innovación a través da transferencia de coñecementos xerados pola Universidade, e a incorporación e o uso eficiente das novas tecnoloxías”. En concreto, Roberto García Pernas destacou que a Deputación ten en marcha “un programa de formación e asesoramento gratuíto, que vai precisamente na liña de axudar ás pequenas e medianas e empresas, e ós autónomos, a aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio”. Trátase como dixemos do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, no que a día de hoxe están xa apuntadas 100 pemes da provincia.
Até cen pemes do ámbito lucense adheríronse xa ao programa de transformación Reiníciate
Compartir Este Artigo

