Un total de 14 traballadoras e traballadores municipais do Concello de Santiago finalizaron a semana pasada a actividade formativa sobre innovación avanzada que se desenvolveu no marco do proxecto Smartiago (o proxecto compostelán de Cidade Intelixente). Achegáronselles coñecementos prácticos para a definición de retos e obxectivos innovadores dentro dos seus servizos e áreas, amais de metodoloxías para axilizar o seu traballo nos proxectos nos que traballan actualmente, ademais de fomentar un modelo de traballo colaborativo entre as distintas áreas nas que se organiza o Concello.
“Foi un curso cun contido práctico moi elevado”, explicou o Concello, “que habilitou en novas capacidades de creación de proxectos innovadores a todas as participantes, axudando a mellorar a calidade e o impacto dos proxectos innovadores que leven a cabo desde a Administración local”.
O obxectivo final do curso era que cada grupo de traballo fose quen de articular o seu respectivo proxecto de innovación susceptible de ser desenvolvido pola propia entidade local. Para iso os participantes identificaron retos de innovación no seu ámbito de traballo e lograron estruturar tres proxectos innovadores con capacidade para ser levados a termo. Os proxectos deseñados son os seguintes:
1. Rexeneración urbana para atracción de poboación ao centro e centro histórico da cidade.
2. Atracción de talento e empregos de alto valor engadido enfocado no deseño e definición dun espazo maker para desenvolvemento de innovacións.
3. Sistematización de procesos para lograr o paso “dun Concello lineal a un Concello baseado na economía circular”.
Ademais, os proxectos que se deseñaron, realizáronse tendo en conta que fosen susceptibles de aproveitar as novas vías de financiamento europeas, como os fondos de recuperación e Next Generation, que se xestionarán desde as entidades locais.
Santiago forma ás súas traballadoras municipais nos procesos para converterse en Cidade Intelixente
Compartir Este Artigo

