A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran este 18 de novembro a cuarta conferencia do XXXII Ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na transformación tecnolóxica do sector agrario galego. A charla tratará sobre Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia e estará impartida por José Luis Chan Rodríguez, enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Nunha sociedade europea en vías de descarbonización, Chan sinala que “o potencial de ecomateriais substitutivos baseados en madeira, en sectores tales como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado son un futuro irrenunciable nunha era postCOVID baseada no principio Reconstruír de novo facéndoo mellor (Build Back Better, BBB)”.
Chan explica que as tecnoloxías dixitais, o custo decrecente do almacenamento e uso masivo de servizos web (SW) están a introducir rapidamente unha nova forma de relacionarse coas administracións públicas. Destaca que as tecnoloxías dixitais que aceleran o despregamento de políticas de descarbonización, a Intelixencia Artificial e a aprendizaxe automática pasaron rapidamente de ser tendencias emerxentes a partes integrais dos sistemas de boa gobernanza.
O director xeral subliña que “a análise indica que unha poderosa combinación de demanda dos consumidores, obxectivos de sustentabilidade e un desexo de reducir custos e asegurar o subministro de ecomateriais substitutivos baseados en recursos forestais (menor pegada de carbono), está a empuxar ás compañías a tecnificarse para poder ser competitivas e incorporar valor engadido aos seus produtos transformados”.
José Luis Chan, naceu no ano 1963 no Carballiño (Ourense) e é un enxeñeiro de Montes que traballa no servizo de Montes da Administración galega desde 1987. Desde 2005 ao 2014 exerceu coma subdirector Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Montes. Actualmente, desde decembro do 2018 ocupa o posto de director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na Consellería de Medio Rural.
Nova edición do Ciclo Luis Asorey
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran a partir desta semana a 32 edición do Ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en fórmulas como as granxas intelixentes (smart farmings) ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
O ciclo está a ser coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, que explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia foi este luns 15 e versou sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030, que impartiu o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
Este martes 16 foi a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falou de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, será o encargado este mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 será impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Na seguinte semana continuará o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que impartirá Jorge Seoane Brandariz, responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias está aberto.
A dixitalización da xestión forestal en Galicia centra a nova conferencia do Ciclo Luis Asorey
Compartir Este Artigo

