Este 22 de novembro, no salón de actos de FEUGA, no Campus Sur de Santiago, comeza o ciclo de conferencias Galegos de Alto Impacto, organizado por FEUGA e StartUp Galicia co obxectivo de dar voz a referentes galegos do actual tecido produtivo e impulsar a creación de novas iniciativas de mercado entre a xente nova. Será ás 19.00 horas, cun formato presencial e cunha cifra de prazas que chega ás 110. Segundo informa FEUGA, podemos facer xa a nosa inscrición a través da web da fundación.
Na cita, o emprendedor e enxeñeiro coruñés Rubén López falará da súa experiencia profesional coas multinacionais Google e Youtube, e tamén da súa propia andaina (a día de hoxe) como emprendedor tecnolóxico na nosa terra. Tamén afondará nas metodoloxías máis indicadas para captar, xestionar e potenciar o talento técnico ao estilo de Silicon Valley.
Rubén, durante a súa traxectoria profesional formou parte do persoal de Google e YouTube e, actualmente, está a lanzar o seu propio proxecto, Aruma Studios, un estudo independente de creación de videoxogos na Coruña. A sesión estará conducida por Jaime Novoa, xestor de investimentos en KFund e membro da asociación StartUp Galicia.
StartUp Galicia e FEUGA asinaron un acordo de colaboración para fomentar o emprendemento entre estudantes e profesionais para impulsar ideas de negocio innovadoras. Desta unión nace o espazo StartUp Àgora, que acollerá conferencias de referentes galegos en startups ou empresas de alto impacto nas que compartirán as súas experiencias coas novas xeracións de emprendedores.
Inscricións abertas para a cita de FEUGA e StartUp Galicia co emprendedor galego Rubén López
Compartir Este Artigo

