Jorge Seoane, responsable de I+D da División de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados do ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), protagonizará a seguinte das charlas do Ciclo Luis Asorey que organiza estes días a RAGC e a Deputación de Lugo, en colaboración co Campus Terra da USC. A cita será este luns e xirará arredor das posibilidades dos drons no ámbito da xestión agroforestal. Será xa a quinta das conferencias do ciclo, que chega á súa 32 edicións poñendo o foco na dixilización do noso agro.
En concreto, a charla do luns botará luz sobre as funcionalidades que no ámbito forestal poñen en xogo os vehículos aéreos non tripulados, que se converteron nos últimos anos en ferramentas habituais en múltiples ámbitos. Seoane sinala que o ITG traballa no desenvolvemento das tecnoloxías habilitadoras dos sistemas aéreos non tripulados para facilitar a súa chegada ao noso día a día nun sector clave para Galicia. O relatorio versará sobre a introdución á normativa europea de drons e a evolución prevista nos próximos anos, o estado da arte da tecnoloxía e casos prácticos de aplicación no sector agroforestal.
Jorge Seoane Brandariz é enxeñeiro superior de Telecomunicacións (especialidade telemática) pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros da Universidade de Vigo (2009) e posúe un Máster de especialización e en Tecnoloxías da Información e Comunicacións en Redes Móbiles pola mesma universidade (2012).
No 2009 incorpórase ao ITG, onde é actualmente o responsable de I+D na División de Sensórica e UAS e desempeña tamén funcións de xestor de produtos. Ao longo da súa traxectoria laboral participou en máis de 15 proxectos de I+D a nivel estatal e europeo, en calidade de director de proxecto e experto no ámbito da integración de sensores, dos sistemas embebidos e das comunicacións sen fíos. Destaca a súa experiencia en multitude de proxectos dos ámbitos agro-alimentario e forestal (Wicrops, Smart-Crops, Galeno, Tesa, Xestal, SmarTom, Bitterlich, Connsensys, S3Food).
Nova edición do Ciclo Luis Asorey
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran a partir desta semana a 32 edición do Ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na temática da Dixitalización do sector agrario en Galicia. Haberá conferencias nas que se irán abordando as estratexias TIC autonómicas, nacionais e europea, amais das referentes á transformación tecnolóxica dos sectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral. Porase o foco, máis polo miúdo, en fórmulas como as granxas intelixentes (smart farmings) ou as aldeas conectadas. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
O ciclo está a ser coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, que explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia foi este luns 15 e versou sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030, que impartiu o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
Este martes 16 foi a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falou de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, foi o encargado este mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 foi impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, e tratou sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Na seguinte semana continuará o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que impartirá Jorge Seoane Brandariz, responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias está aberto.
O ITG compartirá no Ciclo Luis Asorey a súa bagaxe en drons e xestión forestal
Compartir Este Artigo

