
Nela participarán o xerente da empresa fmC, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora xeral da empresa Monet Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies.
Sobre a rastrexabilidade (trazabilidade) no sector forestal, Martínez Ben explica que o proxecto Chainwood ten por obxecto aplicar a tecnoloxía da cadea de bloques (blockchain) polas vantaxes que presenta esta tecnoloxía á cadea de subministro da madeira en España, permitindo “dispoñer dunha infraestrutura software aberta que permita o acceso e xestión dunha gran variedade de datos relacionados coa cadea de fornecemento da madeira desde o monte á industria, a todos os actores participantes desde propietarios forestais ata empresas de aproveitamento, transformadores, asociacións de propietarios, responsables de certificación forestal, etc.” Ao xeu xuízo, trátase “dun primeiro paso cara un ecosistema único de datos na cadea de subministro da madeira”, e así o certifican os resultados de Chainwood, proxecto que permitiu realizar un prototipo de infraestrutura software que puido ser pilotada en diversos escenarios. Actualmente atópase pendente dunha segunda fase de desenvolvemento. Este proxecto foi financiado entre 2018-2020 por fondos FEADER e do Goberno de España no marco dos grupos operativos supra-autonómicos.
Ademais, Martínez Ben analizará o proxecto Timbertrack, que ten por obxecto o desenvolvemento dunha solución de etiquetado para a madeira en rollo en España, que permita identificar de xeito unívoco o produto e mediante o uso dun software como Chainwood “posibilitar a posta en valor dos datos vinculados a esta materia prima para beneficio dos diferentes actores participantes en cada unha das cadeas de subministro”. E engade Martínez Ben: “Mediante o uso de RFID e hardware especificamente deseñado, unha etiqueta colocada na madeira en rollo actuará como único ID do produto permitindo vincular os datos que sobre el se xerasen”. Este proxecto foi financiado entre 2018-2021 por fondos FEADER e do Goberno de España no marco dos grupos operativos supra-autonómicos, atopándose actualmente na súa última etapa de desenvolvemento.

Pola súa parte, Mercedes Rois falará da aplicación galega Smartwood para selección de especies. A consultora sinala que a tecnoloxía dixital entendíase antes como unha ameaza para o sector forestal, pero hoxe en día “sábese que ofrece mancheas de oportunidades, como a redución de impactos ambientais, tempos de execución ou mellora de intercambio de datos na cadea de valor”. a charla fará un percorrido por diversas ferramentas dixitais desenvolvidas para as diferentes pezas da cadea forestal en Europa (inventario, planificación, xestión, transporte, mercado…), con especial énfase na aplicación galega Smartwood, que en base a parámetros fisiográficos e ecolóxicos das parcelas, ofrece información aos propietarios forestais sobre as especies forestais máis idóneas a plantar nas súas fincas, así como as especies de cogomelos que mellor se desenvolven baixo a especie arbórea seleccionada. Este novo módulo da aplicación da empresa Aleutos SL foi desenvolvido en colaboración co Instituto Forestal Europeo no marco do proxecto europeo DIVA Boosting innovative Digitech Value chains for Agrofood, forestry and environment (H2020).
Nova edición do Ciclo Luis Asorey

O ciclo está a ser coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, que explica que o obxectivo do ciclo é “trasladar aos asistentes información actualizada sobre as diferentes estratexias de dixitalización do sector agrario, os plans de transformación nos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, o uso de drons e robots na xestión agrícola, gandeira e forestal en Galicia, os plans de explotacións intelixentes e sobre pobos intelixentes no rural galego, así como algúns casos prácticos de éxito de dixitalización no sector agroforestal en Galicia”.
O ciclo vai dirixido sobre todo a técnicos que traballan no sector agrario, tanto na administración como no ámbito privado, e profesores e estudantes das titulacións universitarias e preuniversitarias de carácter agrario, pero tamén a técnicos relacionados cos aparatos e mecanismos que se utilizan na dixitalización (enxeñeiros electrónicos, enxeñeiros de telecomunicacións ou enxeñeiros industriais) e a alumnos e profesores das titulacións universitarias e preuniversitarias correspondentes.
A primeira conferencia foi este luns 15 e versou sobre Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030, que impartiu o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.
Este martes 16 foi a quenda de Javier Bueno Lema, doutor enxeñeiro Agrónomo e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo da USC, que falou de Mecanización e dixitalización do sector agroalimentario.
Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, foi o encargado este mércores 17 de ofrecer un relatorio sobre A dixitalización na produción de leite.
A conferencia do xoves 18 foi impartida polo enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, José Luis Chan Rodríguez, que tratará sobre a Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia.
Esta semana prosegue o ciclo o luns 22 coa conferencia Drons aplicados á xestión agroforestal que imparte Jorge Seoane Brandariz, responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Xa o martes 26 nunha mesa redonda abordarase o tema Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia, moderada por Antonio Rigueiro. Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack; a directora Xeral da empresa Monet Tecnoloxía e Innovación Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o Apoio á toma de decisións en viticultura; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies. O ciclo finalizará o mércores 24 co relatorio Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego que impartirá a doutora enxeñeira Agrónoma e directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.
O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias está aberto.
O Ciclo Luis Asorey mostra diferentes ferramentas TIC de éxito para o agro galego
Compartir Este Artigo

