No marco da nova edición de Culturgal, celebrada esta fin de semana no Pazo da Cultura Pontevedra, presentáronse as liñas principais de traballo do Hub Audiovisual, que está a deseñar a Xunta de Galicia en colaboración coa asociación Videoxogo.gal, sendo un dos seus obxectivos clave fortalecer este sector e convertelo nun referente internacional.
O director da Axencia das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e Manuel Rey e Luz Castro, secretario e tesoureira de Videoxogo.gal, foron os encargados de debullar as claves da iniciativa, na que participan representantes de catro destacadas empresas galegas do sector para abordan os proxectos que están a ultimar nestes momentos: Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios; The Waylanders, de Gato Studio; Super Woden GP, de Víctor Justo, e Rai, de Wood Games.
Sutil destacou que os catro proxectos “son un reflexo do talento creativo, técnico e empresarial arredor dos videoxogos en Galicia”, razón pola que a Xunta traballa na primeira iniciativa autonómica de fortalecemento e vertebración “dun sector con gran capacidade de crecemento”, dixo. Trátase dun dos principais eixos do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que o Goberno galego acaba de poñer en marcha e para o que conta cun orzamento de 9,6 M€ do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Segundo engadiu, o sector dos videoxogos “será o destinatario dun polo de aceleración empresarial e dun fondo específico para o desenvolvemento de proxectos, ademais doutra serie de accións transversais”. No caso do polo de aceleración, os seus destinatarios serán os emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e, en consecuencia, a súa consolidación. Esta iniciativa materializarase a través dun convenio ao abeiro do que se desenvolverán as dúas edicións, cunha duración total de 20 meses desde a súa posta en marcha. En canto ao fondo de desenvolvemento de videoxogos, artellarase a través dunha liña de subvencións dotada con 400.000€ destinada ás produtoras galegas, tanto para o seu desenvolvemento empresarial como para levar a cabo proxectos competitivos a nivel global.
O Hub Audiovisual quere converter o noso sector do videoxogo nun referente mundial
Compartir Este Artigo

