Na mañá deste 30 de novembro celebrouse nas dependencias da Cámara de Comercio de Santiago unha sesión sobre transformación tecnolóxica co foco directamente posto nas profesionais, nas autónomas, nas emprendedoras e nas empresarias. A xornada Como atraer máis clientes a calquera negocio grazas á dixitalización, enmarcada no Programa de Apoio Empresarial ás Mulleres (impulsado pola entidade cameral compostelá en colaboración coa Cámara de Comercio de España e con financiamento do Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades) foi impartida por Juan Luis Magariños.
A sesión tivo como obxectivo achandar o camiño da dixitalización para as persoas participantes, un camiño de urxencia ante as circunstancias derivadas da pandemia COVID-19 (cuxo impacto foi especialmente severo nas pequenas empresas, debido aos seus altos niveis de vulnerabilidade), xa que as ferramentas TIC son un importante recurso do que botar man para sobrevivir e medrar empresarialmente. Amais, engadiuse na xornada, “a dixitalización constitúe un elemento fundamental para o peche das brechas sociais, territoriais e de xénero”.
Na cita deste martes, mulleres empresarias e emprendedoras da contorna compostelá puideron coñecer as novas regras para adaptárense elas e os seus negocios á contorna tecnolóxica da forma máis eficaz. Púxose o foco nun dos principais retos deste proceso, que é o de achegar claridade, coñecemento e autoliderado nun panorama postpandémico volátil e de gran incerteza. Tamén se fixo fincapé nos cambios experimentados nos hábitos de consumo e a experiencia do cliente, un estado de cousas no que se fai máis necesario ca nunca “aproveitar as vantaxes que xeran as canles dixitais como xa o están facendo outros negocios”, explicouse na xornada.
As empresarias e emprendedoras da contorna compostelá fórmanse en recursos dixitais para incrementar clientela
Compartir Este Artigo

