Vodafone vén de facer balance da súa actividade recente en materia IoT (siglas de Internet of Things) en España. Segundo informa a operadora no seu reconto, é líder neste segmento con 3,7 millóns de liñas activas no eido estatal.
O meirande fito rexistrouno entre marzo e setembro, cando foi quen de captar 340.000 novas liñas, consolidando o seu papel referencial nun mercado que a compañía considera “clave” para “o desenvolvemento de novos negocios de Industria 4.0, para impulsar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental”. De feito, en relación a este últmo punto, no máis recente exercicio fiscal, Vodafone conseguiu evitar a produción de 665.712 Tn de CO2 a través das súas solucións IoT, como resultado da diminución en consumos como a electricidade, o gas e combustibles.
Unha suba do 23%
Estes e outros datos reflicten no número de liñas un incremento do 23% respecto ao mesmo período do ano anterior. Por sectores, o negocios que manteñen unha aposta máis decidida pola tecnoloxía da Internet das Cousas son os da seguridade (a través das alarmas conectadas), a banca (a través dos medios de pago) e os operadores loxísticos. Con todo, comezan a destacar sectores nos que a tendencia é cada vez máis clara na súa aposta por esta tecnoloxía que permite a conexión de obxectos. Así, sinala Vodafone, empezan a acelerarse as solucións IoT no sector das enerxías renovables, a través da sensórica en elementos como paneis solares.
A nivel global, o Grupo Vodafone conta con máis de 123 millóns de conexións IoT en máis de 182 países.
Vodafone xa ten 3,7 millóns de liñas IoT activas en España
Compartir Este Artigo

