
A avaliación deste sistema e das súas funcionalidades á hora de facer seguimento dos animais ceibos (botando man da súa xeolocalización e do recoñecemento da súa actividade) centra polo tanto os obxectivos de Pastoreo 4.0, unha iniciativa abeirada á nova empresa Innogando e aos obxectivos do Campus Terra da Universidade de Santiago, que salienta que “podería resultar de especial utilidade para alertar, previr e, no se caso, evitar os ataques de lobos ao gando vacún, caprino e cabalar que se atopa en réxime extensivo no monte”.
O proxecto Pastoreo 4.0, no que tamén participa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia, representa de facto unha nova evolución de Innogando na súa arela de “de aliñar tecnoloxía e natureza en aras da mellora do benestar animal e da calidade de vida dos gandeiros, así como dunha maior rendibilidade das súas explotacións”.
A USC tamén salienta que esta nova liña de actuación reforza o xerme emprendedor de Elio López que agromou do Explorer USC-Lugo coa ferramenta Rumi, un sistema de localización GPS para gando vacún que fai seguimento en tempo real o estado de animal e achega información sobre o seu comportamento, un recurso que foi obxecto dunha importante ampliación ao permitir análises doutros parámetros como a preñez, o período de xestación e as datas de parto.
Por certo que a firma lucense Innogando atópase xa entre as startup máis innovadoras de España, nomeadamente na posición número 37, segundo recolle a última edición da clasificación estatal elaborada por El Referente.
A USC salienta que unha das claves de Rumi é a posibilidade de recoñecer o comportamento dos animais en distintas situacións. Amais, é quen de situar as reses nun espazo determinado (dentro ou fóra da leira), reportando ao gandeiro cumprida información sobre a saúde das reses e do seu estado (tranquilidade, alerta…), ao tempo que apunta as posibles causas destas reaccións.
López García comentou que Innogando xa comezou a desenvolver aínda en fase incipiente as primeiras experiencias do aplicativo Rumi en cabras, gando cabalar de monte e mesmo en touros, a “fin de coñecer e contabilizar o seu número de montas”. As potencialidades que ofrece este sistema de monitoraxe a partir da información que achega sobre os animais “son múltiples”, salienta Elio García, quen tamén ve este mecanismo “como unha ferramenta acaída para frear os ataques de lobo ao gando do monte”. De feito, precisou “no marco do proxecto Pastoreo 4.0 contemplamos a simulación de ataques para coñecer a reaccións de cabalos, cabras, vacas… para avaliar o comportamento destes animais en situación de alerta ou risco”.
A startup lucense Innogando impulsa unha tecnoloxía que protexería o gando dos ataques dos lobos
Compartir Este Artigo

