A Xunta vai despregar na nosa xeografía unha plataforma tecnoloxía para “resolver a totalidade das chamadas perdidas dos centros de saúde en menos de dúas horas”. Son palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que estivo na mañá deste 14 de decembro no Centro de Saúde Os Mallos explicando os detalles deste servizo, unha sistema chamado CRM100 co que o SERGAS quere optimizar a xestión dos seus pacientes. O dito centro coruñés foi escollido en xaneiro para acubillar a pilotaxe da dita ferramenta.
Trátase, dixo máis polo miúdo García Comesaña, “dunha solución innovadora que permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais da atención primaria”. Na actualidade, engadiu, o sistema está instalado en 35 centros de saúde e, esta mesma semana, entrará en funcionamento noutros cinco. Durante o presente ano, o centro de saúde dos Mallos recibiu a través desta plataforma tecnolóxica máis de 18.700 chamadas entrantes, o que supón unha media de 72 chamadas ao día, cun tempo medio de resposta inferior aos 25 minutos.
O conselleiro cualificou de “moi bos” os resultados que se desprenden destes primeiros meses de actividade do sistema CRM100, así como a súa eficiencia na xestión dos pacientes. Neste senso, apuntou algúns dos rexistrados durante a xestión da actual pandemia sanitaria.
Segundo dixo, as funcións automáticas coas que conta este aplicativo “permitiron optimizar a monitoraxe dos pacientes con COVID e dos seus contactos estreitos; o envío de máis de 154.000 enquisas para estudar os síntomas de coronavirus persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-saúde”.
Unha plataforma resolvará as chamadas perdidas dos nosos centros de saúde en menos de dúas horas
Compartir Este Artigo

