A entidade DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH), ao abeiro do seu obxectivo de converter Galicia nun referente biotecnolóxico europeo (a través da creación de sinerxías entre os ofertantes de tecnoloxías e o sector produtivo), reuniu este 14 de decembro en Lugo aos axentes do sector lácteo da nosa terra para deseñar a folla de ruta da súa dixitalización, que collerá corpo a través do proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA) financiado pola Unión Europea. A meta final é crear un ecosistema plurirrexional para a agrodixitalización que consiga a reactivación económica e incremente a competitividade das pemes do sector lácteo.
A consultora lucense Medrar Smart Solutions, encargada de coñecer as necesidades do sector lácteo en materia de transforamción e de deseñar un diagnóstico final, reuniu este martes 14 na súa sede da cidade de Lugo aos diferentes axentes do sector: “Quixemos citar a todos os integrantes da cadea de valor do sector lácteo para saber cales son as súas demandas en materia de innovación e así poder avanzar cara á dixitalización dun sector fundamental para a economía de Galicia”, sinalou Hugo Criado, socio fundador da compañía consultora, engadindo que “coas contribucións de toda a cadea de valor, cuxas propostas serán tidas en conta en igualdade de condicións, queremos deseñar esa folla de ruta que permita a súa transformación tecnolóxica, a súa posta ao día en materia de innovación”.
Ao encontro de Lugo foi convocado baixo a denominación HIBA Focus Group. Acudiron, entre outros, representantes de Fundación Pública Galega Rof Codina, o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus de Lugo da USC, Innogando, Energylab, Ps Vet Dairyquality, Tripla Alpha Innovation, Cofrico, a asociación de gandeiros AFRICOR, SAT A Vereda e Deinal Soluciones Agroalimentarias.
Segundo explicou Ruth Martín Pérez, de DATAlife, “na xuntanza estiveron representadas explotacións agrarias, produtores, provedores, cooperativas, empresas transformadoras e centros tecnolóxicos, entre outras entidades e iniciativas”. Engadiu que “coas achegas xurdidas do debate será elaborado un informe diagnóstico que recompile a información xerada no evento de hoxe e ao longo de 2021 polo equipo de DATAlife, que xa empezou a traballar sobre o terreo para implementar as medidas que permitan avanzar na dixitalización do sector lácteo galego”. Respectos dos ámbitos de traballo, Ruth Martín explicou que “o importante é que as empresas do sector avancen na súa transformación dixital, con independencia de onde se atopen neste momento”. E engadiu: “Queremos escoitar a todos os axentes do sector, entender a súa madurez dixital e o que necesitan mellorar para acelerar esa transformación”.
O vindeiro xoves, 16 de decembro de 2021, está tamén previsto outro encontro HIBA Focus Group na cidade de Lugo para coñecer as necesidades en materia de innovación do sector cárnico de Galicia. A semana do 20 de decembro, DATAlife organizará ademais espazos de diálogo sobre o sector forestal e a pesca para completar a súa visión do ecosistema Agrotech de Galicia.
DATAlife fai avanzar en Lugo a dixitalización do noso sector lácteo
Compartir Este Artigo

