Por primeira vez en 2020 non se observan diferenzas de xénero no uso da Internet en Galicia. Neste ano, a comunidade rexistrou un 87,8% usuarias da Internet nos últimos tres meses fronte ao 87,5% dos homes. Ademais, o uso da Rede entre as mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea.
En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso da Internet nos tres últimos meses era de 3 puntos porcentuais en 2016 e foi reducíndose paulatinamente ata anularse por primeira vez en 2020. Atendendo á idade, o uso d Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos.
Son as conclusións dos resultados do informe A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero, que publica hoxe o OSIMGA, adscrito á AMTEGA.
Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística.
O uso de dispositivos dixitais
Na actualidade, en Galicia non se rexistra fenda de xénero algunha no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tableta…). O 91,4% das galegas fronte ao 91,2% dos galegos utilizaron estes dispositivos nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é igual ou superior entre as mulleres galegas de máis de 34 anos de idade.
Uso da Internet, o comercio electrónico e a eAdministración
O 87,8% das mulleres utilizaron Internet nos últimos tres meses, incrementándose así 2,5 puntos porcentuais nun ano e superando por primeira vez aos homes.
A proporción de mulleres que compran a través da Rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%. Compran máis as mulleres pola Internet ata os 45 anos, e invértese a tendencia nas idades máis elevadas. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,9 puntos á que se rexistra entre as mulleres
Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas. As mulleres están a un punto porcentual no uso da rede dos homes para a obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais.
Tres de cada catro mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 70% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados.
