O coworking A Proa, emprazado no Polígono de Novo Milladoiro (Ames) e integrado na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, organiza nos xoves deste mes de marzo a súa primeira serie de obradoiros e charlas presenciais baixo o nome Coworking days. A actividade inicial realizouse o pasado xoves, 3 de marzo, cun taller para coñecer o funcionamento dun coworking e resolver dúbidas. Estas actividades teñen continuidade este xoves, 10 de marzo, cunha actividade impartida por Juan Diego Pereiro Areán, destinada a mostrar como facer unha proposta de valor dun negocio.
O terceiro e último evento deste mes de marzo será o 24 de marzo e denomínase LEGO serious play – construíndo o teu modelo de negocio. As inscricións para estas actividades poden realizarse de balde premendo nesta ligazón.
Respecto da cita deste xoves, virá como dixemos da man de Juan Diego Pereiro Areán, organizador e director de Trainers For The Future, fundador de WeKAb.com e do espazo de coworking WeKCo. Neste obradoiro as persoas asistentes poderán aprender o valor dos produtos ofertados polo seu proxecto ou empresa. Este taller desenvolverase de 17:00 a 19:00 horas.
Para pechar marzo, o xoves 24, de 18:00 a 20:00, celebrarase Lego Serious Play – Construíndo o teu modelo de negocio. Impartido polo docente e organizador de eventos sobre emprendemento Dani Diéguez, o obradoiro buscará dar a coñecer a técnica de reflexión, comunicación e resolución de problemas LEGO Serious Play. A través de pezas de construción de xoguete, as persoas interesadas poderán aprender a describir e comprender unha situación apelando á implicación e a participación.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. En instalacións coma esta, persoas autónomas e emprendedoras comparten espazos, fomentando así as sinerxías, a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade. O centro localízase na entrada do parque empresarial Novo Milladoiro. O local, de 400 metros cadrados, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e eventos, unha zona de recepción, outra de reprografía, de descanso, aseos e un vestíbulo. O espazo pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
O fundador de WeKCo imparte este xoves un obradoiro no coworking A Proa
Compartir Este Artigo

