A entidade estatal Red.es completou a entrega de equipos informáticos con conectividade a Internet ao abeiro do programa Educa en Dixital. Fíxoo na totalidade das comunidades e cidades autónomas, fornecendo máis de 430.000 dispositivos, dos cales 14.502 foron dar á nosa Comunidade. A actuación contou cun orzamento global de 229.585,699 euros, dos que Red.es achegou 185.641.175 euros a través dos fondos FEDER e o resto foi achegado polas comunidades e cidades autónomas adheridas ao programa.
En concreto, a través de Educa en Dixital entregáronse 437.113 equipos informáticos con conectividade que facilitan a formación tecnolóxica, tanto desde o fogar como de forma presencial, ao alumnado de familias en situación de risco, matriculados en centros educativos sostidos con fondos públicos de todo o territorio nacional.
Ademais, grazas aos aforros nas licitacións, Red.es anunciou que nos próximos meses poranse en marcha outras actuacións tecnolóxicas que completan as xa realizadas como a compra de armarios de carga para os computadores ou a adquisición de computadores adicionais.
O programa Educa en Dixital foi aprobado polo Consello de Ministros o 16 de xuño de 2020 para “dotar aos centros educativos de equipos con conectividade fiable e de calidade para que poidan ser prestados e postos a disposición dos estudantes que non dispoñan deste equipamento para poder acceder á educación con medios dixitais, tanto no fogar como no propio centro educativo”.
Tamén abrangue outra serie de actuacións tales como a posta a disposición de aplicacións, ferramentas e recursos curriculares que faciliten a educación dixital, tanto presencial, no centro, como desde o fogar, e a formación de profesores, co fin de dotar á comunidade educativa de recursos educativos dixitais.
Red.es completou a entrega de máis de 14.500 equipos informáticos para Galicia
Compartir Este Artigo

