Este martes 15 de marzo presentouse un programa de emprendemento de gran interese para quen estea pensando en impulsar un negocio innovador TIC ou cultural. Estamos a falar da sexta edición dos Coworking IGAPE-EOI, postos en marcha na Cidade da Cultura pola Xunta e a Escola de Organización Industrial. Neste espazo de traballo colaborativo unha vintena de iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.
A aceleradora centrarase no sector cultural e das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), áreas nas que se especializa precisamente o Centro de Emprendemento do Gaiás. Durante a súa estadía, formaranse en temáticas como lean startup, mercadotecnia dixital, branding creativo e marca persoal, ferramentas de venda, vías de financiamento ou optimización da comunicación, a través dunha ducia de obradoiros específicos. ontarán, ademais, con 40 horas de titorías individualizadas, enfocadas no desenvolvemento de cada unha das súas propostas, e terán a oportunidade de amosar os seus produtos no demoday que porá fin a esta experiencia formativa. A participación é gratuíta e o programa conta co co-financiamento da Xunta e do Fondo Social Europeo.
Na sesión de apertura, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo dar a benvida aos 20 emprendedores e emprendedoras “que se incorporan deste xeito á gran familia do Centro de Emprendemento do Gaiás, da man de dúas entidades que tanto levan traballado no apoio á creación e consolidación de novas iniciativas empresariais como son o IGAPE e a Escola de Organización Industrial”. Neste acto de arranque da actividade formativa, estivo acompañada do director da Área de Desenvolvemento de Pemes da Escuela de Organización Industrial, Javier Benito.
Segundo fixeron saber, nos vindeiros días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará cun total de 11 espazos en todo o territorio galego, que inclúen a Mariña Lucense (Mondoñedo), a Costa da Morte (Cabana de Bergantiños), Ferrolterra (Ferrol), Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), a Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), o Salnés (Vilanova de Arousa), o Deza (Lalín), Camiño de Santiago (Palas de Rei), Mancomunidade do Carballiño (O Irixo), Valdeorras (A Rúa) e a Tecnópole (Ourense). Cun orzamento dun millón de euros, o programa facilitará o desenvolvemento de 220 proxectos de emprendemento.
Ao longo das cinco edicións previas do programa, pasaron polo mesmo preto de 900 persoas emprendedoras no conxunto dos diferentes espazos de traballo colaborativo e innovador, nos que se desenvolveron máis 700 proxectos empresariais.
O IGAPE e a EOI impulsan na Cidade da Cultura 20 novos proxectos TIC e culturais
Compartir Este Artigo

