Os motores do festival de webseries e novos formatos Carballo Interplay escóitanse cada vez máis preto. De feito, xa vai quedando menos para o inicio do certame, o vindeiro 6 de abril. Para esta nova edición (a novena) as entidades organizadoras (Concello de Carballo e Interplay Producións) queren avanzar un pouco máis na súa aposta polo tanto galego. Farano reivindicando a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Youtube ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast. Os nosos contidos brillarán con luz propia na xornada do xoves 7 de abril, que contará con actividades coma a gravación dun podcast en directo, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de Mellor proxecto de serie web ou a celebración do décimo aniversario da webserie Angélica y Roberta.
Axenda de actividades do día 7
O día comenzará ás 10h30, co Certame Dinosaurio Escolas, unha nova iniciativa que busca fomentar a creación de contidos audiovisuais orixinais en galego mediante a creación de capítulos da serie Dinosauro. A iniciativa estará dirixida aos niveis educativos de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio. De entre todos os traballos recibidos seleccionaranse 10 capítulos finalistas que se proxectarán na 10ª edición do festival. Ademais, neste encontro cos centros educativos proxectarase a serie Cacola, gañadora do premio a proxecto en galego 2020, da man do seu creador, David Fidalgo.
Ás 12h terá lugar a gravación en directo de Petiscos no Derby, un formato especial e exclusivo para o Carballo Interplay do podcast Café Derby. Este proxecto, creado por Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol nace de conversas na cociña dun piso de estudantes que co paso do tempo deron por convertese en faladoiros profesionais con convidadas e convidados vencellados á cultura galega. Nesta ocasión estarán acompañados da divulgadora Tamara Pazos (Putament), a youtubeira e tiktoker Prado Rúa, a xornalista Esther Estévez, cara visible de Dígocho Eu!, o youtubeiro OlaxonMario e o músico Berto.
Pola tarde, ás 18:30, terá lugar a final do o pitching de iniciativas que optarán ao premio de Mellor proxecto de serie web, na que as finalistas presentarán a súa proposta de webserie ante un xurado que decidirá cal será a que reciba 3.000 euros de financiamento para a realización dos seus tres primeiros episodios. Este é o único premio destas características que existe en todo o estado español, e deu lugar a creacións coma Peter Brandon (Premio Mestre Mateo), Hai vida en Bran?, Sígueme, Xan, Amnesia 3.0, Cacola ou a gañadora da última edición, Pringadas, de Belén Puime.
Para terminar a xornada, ás 22:30 terá lugar a festa de décimo aniversario de Angélica y Roberta, coa emisión do capítulo especial gravado para conmemorar os dez anos desta produción icónica.
O talento galego non remata o xoves, o venres 8 ás 18.30 horas proxectaranse en exclusiva os primeiros tres episodios de Pringadas, de Belén Puime, a webserie gañadora do Mellor proxecto de serie web da edición pasada. A serie conta a historia de tres compañeiras de piso que viven en Santiago de Compostela e teñen que aprender a lidiar con rupturas amorosas, o sentimento de non pertencer a ningún lado e o diagnóstico dunha ETS, capturando con un ton honesto e desenfadado a realidade dunha gran parte da mocidade universitaria galega.
A novena edición do Carballo Interplay volve poñer o foco no talento galego
Compartir Este Artigo

