
A xornalista María Almodóvar presentará o acto no que se contará coa intervención do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a proxección dun vídeo tributo a Margaret Hamilton, que conta cun saúdo da propia enxeñeira estadounidense adicado ao CPEIG. A profesora titular de Intelixencia Artificial da Universitat Politècnica de Catalunya_ BarcelonaTech (UPC), Núria Castell, ofrecerá unha semblanza sobre a pioneira da programación.

Participarán neste encontro Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña (UDC) e Premio Ada Byron na VIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (2016) do CPEIG; a vicepresidenta do CPEIG, doutora en Informática pola UDC e graduada en Matemáticas pola UNED, así como directora do Campus Innova da UDC e Premio Ada Byron na V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (2013), Susana Ladra González.

Margaret Hamilton (Indiana, Estados Unidos, 1936) é unha científica computacional, matemática e enxeñeira de sistemas que foi pioneira na utilización do termo ‘enxeñaría do software”, fai xa 50 anos, durante as primeiras misións Apolo da NASA.
Foi directora da División de Enxeñaría do Software do Laboratorio de Instrumentación do Massachusetts Institute of Technology (MIT) de Estados Unidos, onde liderou o desenvolvemento do software de navegación on-board para o programa Espacial Apolo. Grazas aos principios de deseño que aplicou, puidéronse resolver os problemas no ordenador de navegación cos que se atoparon os astronautas da misión Apolo 11 no momento da aluaxe e que permitiron a chegada do home á Lúa.
Tamén foi fundadora e directora executiva de Hamilton Technologies, Inc. (1986), en Cambridge, a compañía que desenvolveu a Linguaxe Universal de Sistemas e a teoría matemática na que se basea —Development Before the Fact (DBTF)— para sistemas de deseño de programario. O 22 de novembro de 2016, Hamilton recibiu a Medalla Presidencial da Liberdade, entregada polo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, polo desenvolvemento do software das misións Apolo. En 2018, foi investida doutora honoris causa pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC).
Como curiosidade, a pegada e relevancia de Margaret Hamilton é tal que mesmo a empresa danesa de xoguetes LEGO, na súa edición especial do xogo Lego Mulleres da NASA, creou unha minifigura de Margaret Hamilton. Podemos seguir o acto a través de streaming.
O CPEIG rende homenaxe a Margaret Hamilton, enxeñeira da NASA que levou o Apolo á Lúa
Compartir Este Artigo

