O Goberno galego lanzou este venres 18 de marzo a segunda consulta pública ao mercado do proxecto Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sustentables. Foi dada a coñecer nos seus detalles pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, quen explicou que a primeira consulta preliminar levada a cabo en novembro saldouse coa presentación de 168 propostas por parte de 124 pemes e 44 corporacións para dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural.
Segundo lembrou a directora xeral, as iniciativas presentadas respondían aos retos de “implementar servizos dixitais rurais, solucións tecnolóxicas para a bioeconomía, a sustentabilidade e economía circular da produción agraria e a mellora do núcleo rural das aldeas modelo con máis formación, innovación e cultura empresarial”. Unha vez recibidas todas as iniciativas, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural seleccionou as que mellor se adecuaban aos retos establecidos, xerando novos obxectivos máis específicos que agora cómpre desenvolver. Neste punto entra en xogo a segunda consulta, dixo, co obxectivo de “establecer posibles casos de uso e engadir novas funcionalidades que dean resposta ás finalidades recollidas na convocatoria”.
A directora xeral animou á presentación de novas propostas, que poderán ser enviadas por calquera persoa física ou xurídica, con independencia de se remitiron ideas con anterioridade. En concreto, os retos que se marcan agora son desenvolver unha plataforma intelixente para a xestión de servizos no ámbito local e outra para a rastrexabilidade (trazabilidade) e a valorización de produtos agroalimentarios e subprodutos das aldeas modelo. Tamén se aposta por implementar un sistema de axuda á decisión para actividades agrarias nestas aldeas e por unha estratexia enerxética integral para todas estas figuras, entre outros aspectos.
Poñendo en valor que a Xunta xa ten aprobadas 19 aldeas modelo que suman máis de 600 hectáreas e 8.500 parcelas de máis de 2.190 veciños, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concluíu referíndose a estas iniciativas como o xerme do futuro rural, onde haberá -dixo- máis oportunidades e un porvir sostible para as próximas xeracións.
Inés Santé fai un convite a participar na segunda consulta pública das Aldeas Intelixentes
Compartir Este Artigo

