O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres 18 de marzo o Día Internacional da Muller. Fíxoo, a nivel xenérico reivindicando as importantes e imprescindibles contribucións femininas á ciencia e ás tecnoloxías, e a nivel específico, homenaxeando á enxeñeira da NASA, a estadounidense Margaret Hamilton, cun evento no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
O acto, presentado pola xornalista María Almodóvar, contou coa intervención do presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e a profesora titular de Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Cataluña_ BarcelonaTech (UPC), Núria Castell.
Fernando Suárez explicou que o CPEIG distingue á estadounidense para axudar a “visibilizar a contribución de mulleres singulares á nosa sociedade, ao avance científico e ao progreso”. Debido a súa idade, o presidente sinalou que Margaret Hamilton non puido estar presente neste evento, pero si tivo a amabilidade de enviar ao Colexio un pequeno corte de voz en agradecemento. “É unha mente brillante que se encargou de crear o software que eliminou todos os erros posibles para garantir unha aluaxe exitosa. A súa intelixencia levouna a ser a peza principal no equipo de tecnoloxía da misión astronáutica máis importante de todos os temos, Apolo 11”, sinalou o presidente do CPEIG, engadindo que Hamilton “é un exemplo nos nosos tempos para entender conceptos como a Compra Pública de Innovación, que cambia o paradigma da colaboración público-privada e da innovación das administracións”.
Amais, como ideóloga da designación da disciplina de enxeñaría de software, o presidente dixo que a profesión “está en débeda” con Margaret por enriba de calquera outra persoa: “Non rompeu ningún teito de cristal, porque o teito era a mesma Lúa”, engadiu.
Margaret Hamilton entra a formar parte da listaxe de mulleres homenaxeadas polo CPEIG, para recoñecer publicamente os fitos da informática alcanzados por mulleres con premios como o Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, distinción que recoñece o talento e éxito de mulleres da profesión, e o recoñecemento a figuras históricas, como Ana María Prieto –primeira programadora de Galicia– ou Ángela Ruiz Robles –inventora da enciclopedia mecánica e precursora do libro electrónico–.
Pola súa parte, Núria Castell (Hospitalet de Llobregat, 1958) ofreceu un percorrido pola vida e traxectoria de Margaret Hamilton a quen coñeceu persoalmente cando a UPC lle concedeu o nomeamento de honoris causa en 2018. Castell describiu a Margaret como a muller que conseguir prestixiar a tarefa do desenvolvemento do software, “igualando a importancia do deseño do software respecto do deseño do hardware, á vez que estableceu o uso do termo Enxeñaría do Software nas primeras misiones Apolo”.
Segundo lembrou Castell, os conceptos, modelos e técnicas que a doutora Hamilton desenvolveu “foron a base do deseño de programas altamente fiables”. Engadiu que algúns dos seus obxectivos e achegas “foron maximizar a fiabilidade do software e a súa reutilización, a corrección das linguaxes de programación, as técnicas de detección e recuperación de erros, o concepto de programación asíncrona e a capacidade de intervención humana”.
No transcurso do acto proxectouse o vídeo Tributo a Margaret Hamilton, no que a propia enxeñeira estadounidense compartiu unhas verbas e un saúdo dedicado ao CPEIG. “Grazas a Fernando Suárez e ao colexio por darme este recoñecemento especial pola miña contribución á ciencia da computación, en particular na área da enxeñaría de software. Esta é, sen dúbida, unha gran honra para min e é o meu desexo ter sido capaz de estar e continuar á altura das vosas expectativas a este respecto”, manifestou Margaret Hamilton na gravación.
A continuación, deuse paso á mesa redonda O emprendemento feminino en Galicia. Vocacións tecnolóxicas, onde enxeñeiras informáticas das universidades da Coruña e Vigo debateron sobre a presenza de mulleres na actividade científica e informática. Participaron Nieves Rodríguez Brisaboa (A Coruña, 1958), catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña (UDC) e Premio Ada Byron na VIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (2016) do CPEIG; a vicepresidenta do CPEIG, doutora en Informática pola UDC e graduada en Matemáticas pola UNED, así como directora do Campus Innova da UDC e Premio Ada Byron na V Noite (2013), Susana Ladra González (Santiago, 1984); a vicetesoureira e presidenta da Comisión de Igualdade do CPEIG e profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo), Lorena Otero Cerdeira (Ourense, 1982); Núria Castell; e Fernando Suárez.
Brisaboa analizou as causas de que as mulleres teñan ido desaparecendo dos estudos de informática, tentando aportar as razóns profundas que na súa opinión desencadearon esta situación, co fin de comprender o contexto e procurar modificar esta tendencia. “Actualmente o profesional da Enxeñaría en Informática percíbese socialmente como un hacker de software libre, cun perfil de home pouco atractivo que traballa con ordenadores nun soto, un estereotipo proxectado polos medios de comunicación, o cine e as series”, dixo.
Pola súa banda, Susana Ladra comentou o papel da muller no CPEIG, nas diferentes áreas de goberno, e a evolución da presenza da muller na etapa profesional e laboral, desde a súa incursión no mercado laboral ata a súa consolidación. Argumentou que, en moitos casos, a falta de autoestima das rapazas na adolescencia fréaas á hora de escoller a carreira e decantarse pola enxeñaría en informática.
A continuación, Lorena Otero tentou reflectir o rol da muller como emprendedora, “coas súas luces e sombras”, desde a súa propia experiencia persoal, á vez que explicou como se pode chegar a conxugar ese rol, que é tan demandante, co outros aspectos como a maternidade. Lembrou que o CPEIG ten en marcha o programa Rapazas emprendedoras nas TIC, que desde o pasado ano traballa con éxito, ademais de con estudantes de Secundaria, co alumnado de Primaria para fomentar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), poñendo especial atención no rol das rapazas e mulleres tanto como referentes do sector como creadoras de contidos TIC.
Pola súa parte, Núria Castell falou do que supuxo o cambio de designación da titulación, que nos anos 90 mudou de licenciatura a enxeñaría, e aí produciuse un descenso do 10% no número de matriculadas mulleres. “El término de ingeniería ha hecho daño y es un problema. No sabemos transmitir la potencialidad de la ingeniería informática”, dixo.
Finalmente, Fernando Suárez comentou que “xerar referentes femininos entre as nenas e mozas é fundamental para romper unha tendencia que sitúa a taxa de mulleres nas facultades e escolas de Enxeñaría en Informática por debaixo do 15 %. Esta profesión non é cousa de homes e a nosa sociedade non se pode permitir o luxo de prescindir do 50% do talento na profesión que máis impacto ten en todos os espectros sociais, permitindo non só o avance social e económico, senón o progreso en igualdade”, sinalou.
Líder do software de navegación on-board para o programa Apolo
Margaret Hamilton (Indiana, Estados Unidos, 1936) é unha científica computacional, matemática e enxeñeira de sistemas que foi pioneira na utilización do termo “Enxeñaría do Software”, hai xa 50 anos, durante as primeiras misións Apolo da NASA. Foi directora da División de Enxeñaría do Software do Laboratorio de Instrumentación do MIT de Estados Unidos, onde liderou o desenvolvemento do software de navegación on-board para o Programa Espacial Apolo. Grazas aos principios de deseño que aplicou, puidéronse resolver os problemas no ordenador de navegación cos que se atoparon os astronautas da misión Apolo 11 no momento da aluaxe e que permitiron a chegada do home á Lúa. O 22 de novembro de 2016, Hamilton recibiu a Medalla Presidencial da Liberdade, entregada polo presidente de Estados Unidos, Barack Obama, polo desenvolvemento do software das misións Apolo. En 2018, foi investida doutora honoris causa pola UPC.
O CPEIG puxo a disposición da comunidade internauta o vídeo Tributo a Margaret Hamilton. Tamén está dispoñible o vídeo do acto de homenaxe.
Vídeo tributo a Margaret Hamilton

