O venres 18, Vigo acolleu un acontecemento científico, tecnolóxico e divulgador destinado a crear canteira STEM entre a rapazada e reivindicar as contribucións das mulleres á investigación. A feira A ciencia que vén ten nome de muller veu da man da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo e contou con financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a colaboración do Concello de Vigo. A cita dispuxo unha ducia de postos nunha carpa situada na praza do Berbés. Serviu tamén para mostrar o labor diario do persoal investigador da UVigo, nomeadamente as mulleres.
Uns 80 estudantes de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis foron os primeiros en descubrir no mediodía do venres os 12 postos da feira, dos que nove correspondían a grupos de investigación da UVigo; un á Unidade de Igualdade, no que se amosan diferentes xogos e actividades vinculados á muller na ciencia; e outros dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a propia Universidade de Vigo.
Durante dúas horas, as es os estudantes convertéronse en detectives de imaxes da man das e dos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do Centro AtlantTIC; responderon ás preguntas que sobre economía e sociedade lles formularon os integrantes de Ecobas; descubriron a evolución do cerebro e o seu funcionamento e puideron extraer o ADN do plátano, cos grupos de Neurofisioloxía e Xenómica; aprenderon como se pintaba na prehistoria co grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio; descubriron propiedades da linguaxe e a comunicación co Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas; manipularon os recursos minerais co Grupo de Xestión Segura e Sostible de Recursos Mineiros e familiarizáronse con especies mariñas e terrestres cos grupos de Oceanografía Biolóxica e Bioloxía Ambiental.
O reitor da UVigo e a presidenta da Deputación de Pontevedra (Manuel Reigosa e Carmela Silva) foron os encargados de inaugurar a feira, e ambos coincidiron á hora de poñer en valor o traballo que desenvolven as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, así como na necesidade de incrementar o número de mozas que se matriculan nestes estudos universitarios.
A ciencia que vén ten nome de muller está organizada ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades para o curso 2021/2022 da Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, ao abeiro do que xa se levaron a cabo actividades como a exposición itinerante 100 lunas cuadradas, un concurso de vídeos científicos, diferentes iniciativas organizadas co gallo do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia… Por diante quedan múltiples eventos, entre eles, algúns cos que celebrar datas coma o Día Mundial da Saúde, o 7 de abril, ou o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño.
As contribucións científicas das mulleres saíron á rúa en Vigo
Compartir Este Artigo

