A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas online, todas elas no nexo común de incrementar a capacitación tecnolóxica das pequenas e medianas empresas, as persoas autónomas e a cidadanía en xeral. As accións versarán sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial.
As actividades comezarán o martes 22 cun obradoiro impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais coa especialidade de mercadotecnia e dirección comercial, que baixo o título de Instagram profesional para triunfar coa túa empresa II seguirá a estela do obradoiro impartido a semana pasada.
O día seguinte, o mércores 23, terá lugar a actividade formativa Redes sociais para establecementos turísticos no que Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo con dez anos de experiencia no sector, afondará nas vantaxes e inconvenientes das redes sociais, cando usar cada unha e como usar Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Ademais, neste obradoiro daranse pinceladas doutras redes como TripAdvisor, Minube ou Pinterest.
Os obradoiros desta semana rematarán o xoves 24 cun taller titulado Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión e impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, que ten como obxectivo que as e os usuarios sexan capaces de configurar unha rede neuronal para as tarefas de clasificación de imaxes, recoñecemento de expresións faciais e o movemento autónomo dun robot de adestramento.
SmartPEME móstranos esta semana o potencial empresarial das redes sociais e a IA
Compartir Este Artigo

