A Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) convocaron unha liña de axudas por un importe total de 210.000€ para empresas e asociacións da provincia interesadas en contar con mozos e mozas en réxime de prácticas non laborais remuneradas. O prazo de solicitude abriuse este mércores 23 de marzo, trala publicación no BOE da convocatoria, enmarcada no programa Reiníciate: Enfoca o teu futuro que teñen en marcha a institución provincial e a EOI, dependente do Ministerio de Industria. Reiníciate ten como obxectivo “favorecer a inserción laboral da mocidade en profesións con alta demanda, como son as vencelladas coas novas tecnoloxías e a dixitalización, a través de formación gratuíta e prácticas remuneradas”.
Cobertura de bolsas
Estas axudas servirán para sufragar as bolsas que percibirán os rapaces e rapazas por un período de prácticas non laborais de tres meses. A remuneración total que como máximo recibirá o alumno ou alumna é de 2.084,47€, o que supón 1,2 veces o IPREM mensual. No caso de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, a contía total a percibir será como máximo de 2.431,88€ por alumno, 1,4 veces o IPREM mensual. Cada entidade ou empresa beneficiaria das axudas poderá contar con varios alumnos ou alumnas.
Poden optar a esta convocatoria todas aquelas empresas de calquera sector, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo que queiran incorporar no seu equipo a mozos para prácticas non laborais e que firmen un convenio co Servizo Público de Emprego con esta finalidade.
O prazo de presentación de solicitudes é de 60 días naturais e deben cumprimentarse por vía telemática na web da EOI. As axudas concederanse a través dun procedemento de concorrencia competitiva.
Primeiras incorporacións laborais
O programa Reiníciate: enfoca o teu futuro xa incorporou ao mundo laboral aos primeiros mozos e mozas que participaron neste plan de formación e emprego xuvenil impulsado pola Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial. Estas primeiras formacións estiveron centradas nas profesións de responsable de comunidades dixitais (communitiy manager), auxiliar de xestión informática para pemes e asociacións, auxiliar de xestión informática especializado en subvencións e licitacións públicas, e experto en ciberseguridade.
Este programa ten como obxectivo “favorecer a inserción no mercado de traballo dun total de máis de 400 mozos e mozas da provincia de entre 16 e 30 anos, en situación de desemprego e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil”, ofrecéndolles formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización.
Promovido pola Deputación e a EOI, este programa conta cun orzamento total de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, o que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Este programa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia.
A iniciativa dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que, segundo informou a Deputación, “está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia”.
A Deputación de Lugo e a EOI ofrecen axudas ás empresas para incorporar mozos expertos en TIC
Compartir Este Artigo

