Levamos anos beneficiándonos de tarifas móbiles das que podemos beneficiarnos cando viaxamos por outros países da Unión Europa sen cargos adicionais, de xeito que moverse pola Unión non supón gastos adicionais en telecomunicacións, situación que dende a Comisión Europea consideran moi beneficiosa para os cidadáns, polo que hoxe propoñen que este acordo para a telefonía móbil que expiraba este mesmo ano sexa prorrogado por 10 anos máis.
O novo regulamento incorporará melloras nas condicións, de xeito que os cidadáns europeos deberían conservar as condicións de calidade das súas tarifas de orixe sempre que sexa posible (ou sexa, que non se conectarían a redes máis lentas) e tamén se inclúen novas medidas para garantir un acceso eficiente aos servizos de emerxencias e reforzan os avisos que deben ir dirixidos aos consumidores ante posible cargos por utilizar servizos de valor engadido en itinerancia.
Margrethe Vestager sostén que «a fin dos cargos por roaming é un bo exemplo de como a U.E. mantén a millóns de cidadáns conectados e mellora as súas vidas. As novas normas manterán o roaming libre de cargos adicionais e farao aínda mellor».
Pola súa banda, Thierry Breton apuntou que «millóns de europeos gozaron dos beneficios do roaming ao longo da U.E. sen cargos adicionais. É un fito establecido e de éxito para o mercado único. Na Década Dixital de Europa calquera debe ser quen de ter unha conectividade excelente para estar en calquera recanto de Europa como na casa. Hoxe confirmamos este compromiso cos nosos cidadáns. En paralelo traballamos en apoiar investimentos na infraestrutura axeitada».
O roaming de balde na Unión Europea prorrogarase 10 anos
Compartir Este Artigo
