O Centro de Saúde Valle-Inclán, en Ourense, fixo balance do acadado recentemente en materia de dixitalización e transformación. Foi durante a visita ás instalacións, este venres 25, do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores. Segundo se fixo saber, a plataforma tecnolóxica CRM100, o sistema de xestión da relación co paciente, permitiu resolver o 99% das chamadas perdidas no mesmo día. A ferramenta CRM100 é unha solución innovadora posta en marcha dende comezos do ano pasado pola Consellería de Sanidade, ao abeiro do proxecto europeo Código 100. Arestora está habilitada en 50 centros de saúde de toda Galicia.
Tal e como salientou o xerente do SERGAS, este aplicativo incorpora un servizo de atención telefónica personalizada: “Permite resolver o 100% das chamadas perdidas nun mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas”. No caso concreto de Valle-Inclán, desde a entrada en funcionamento, o pasado 1 de decembro, o centro de saúde recibiu, a través do CRM100, máis de 6.400 chamadas –o que supón unha media de 84 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 34 minutos. “O 99% dos casos resólvense no día, unha cifra que desprende os bos resultados destes meses de actividade do sistema no centro”, sinalou o xerente.
Segundo afondou, este aplicativo permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. “E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde”, apuntou, recordando “a posición que ten Galicia de referente internacional en innovación no eido sanitario”.
A tecnoloxía CRM100 permite resolver o 99% das chamadas perdidas no Centro de Saúde Valle-Inclán
Compartir Este Artigo

