Que o mundo non será igual despois da pandemia é algo que sabemos todas e todos, o que non está tan claro é a maneira exacta en que será diferente. Este venres celebrouse o I Encontro Ágora na Universidade de Vigo e no seu transcurso ofrecéusenos unha radiografía clara das consecuencias directas da COVID a nivel empresarial e comunicativo: consecuencias que se manifestaron nunha clara aceleración dos procesos de dixitalización. Esta realidade, complementada coa guerra perpetrada por Rusia trala invasión de Ucraína, guíndanos un panorama en que tamén gaña peso a inseguridade dixital e, por suposto, o gran reto da sustentabilidade enerxética.
Na cita participaron (entre outros) o director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, o reitor da UVigo Manuel Reigosa ou a directora de Telefónica de España en Galicia e Asturias, Paula Beirán.
Manuel Alonso foi quen máis puxo o foco nas transformacións acontecidas no mundo nestes dous últimos anos no evento organizado pola Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo dirixida polo profesor José Cidrás. No ámbito protección TIC, o director do Territorio Norte de Telefónica España subliñou o labor de Tegra, o centro de ciberseguridade impulsado conxuntamente por Telefónica e Gradiant, e aludiu tamén, nunha semana na que se celebra o Día Mundial do Clima, ao concepto de sustentabilidade, “que debe ser transversal a calquera innovación que leva a cabo na industria”. A sustentabilidade, afirmou, “é un elemento crave na competitividade, e Telefónica marcouse o obxectivo de conseguir emisións cero de carbono nas nosas operadoras de España, Reino Unido, Alemaña e Brasil”. Alonso engadiu que a aplicación de tecnoloxías como a 5G ou a fibra ata o fogar (FTTH) de Telefónica “contribúen a esa sustentabilidade porque reducen de xeito sensible o consumo, e os servizos que poden derivar dela, como a análise de datos a gran escala, a Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial, permitiron que clientes apoiados por Telefónica reducisen as súas emisións de carbono en 8,7 millóns de toneladas, o que equivale a 143 millóns de árbores”.
Pola súa banda, a directora de Telefónica de España en Galicia e Asturias, Paula Beirán, que participou na mesa sobre A innovación industrial e o seu futuro, afirmou que “Galicia está na vangarda da 5G en España, porque foi a referencia no desenvolvemento dos casos de uso”, pondo en marcha 13 pilotos con esta tecnoloxía, en colaboración tanto co Ministerio de Economía como coa Xunta de Galicia, e aplicados a ámbitos tan diferentes como a industria naval, a seguridade nas estradas, as retransmisións deportivas ou os servizos de emerxencias. Beirán, enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, aludiu ao caso práctico presentado recentemente no campus vigués, no que se utiliza a 5G no control dun robot que acompaña nas súas roldas aos gardas de seguridade.
Francisco Conde apostou pola colaboración público-privada
Pola súa banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, subliñou que “apostar pola innovación significa blindar o futuro e a competitividade da industria galega nun escenario de transformación dixital e enerxética”. Durante a súa intervención, Conde recoñeceu que a recuperación económica ten que sustentarse na colaboración público-privada. Esta dixo, “é a fórmula coa que a industria galega, co apoio da Xunta, opta aos fondos europeos Next Generation”. Nese sentido, remarcou que a aposta pola innovación e o talento que Galicia consiga facer desde o público, da man de centros como a Universidade de Vigo, e desde a iniciativa privada, “vai ser determinante para afrontar os retos da dixitalización e a transición ecolóxica”.
Mar Pereira abordou os desafíos da innovación actual
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou tamén no I Encontro Ágora e fíxoo abordando os retos da innovación tecnolóxica actual e a súa importancia na competitividade na industria no actual contexto de transformación dixital e o pulo que supoñen os fondos Next Generation.
Na súa intervención a directora da Axencia destacou dous ámbitos esenciais para o desenvolvemento dixital da economía e que requiren un papel activos os gobernos: garantir unha contorna dixital segura e captación e retención de talento dixital.
Respecto do primeiro punto, Mar Pereira afirmou que “é primordial reforzar unha fronte común público-privada contra as ciberameazas”. Neste sentido, lembrou que Galicia reforzará o Nodo de colaboración Ciber.gal coa construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que incrementará as capacidades no noso territorio e como “centro de excelencia será tamén un elemento relevante para a atracción e retención de talento”.
Por outra banda, Pereira engadiu que “atraer e reter talento dixital será clave para o desenvolvemento económico dos territorios e un dos aspectos que marque o nivel de competitividade a nivel rexional en Europa”. Ao fío disto, sinalou que “é primordial construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente para atraer investimentos e xerar emprego cualificado”.
O I Encontro Ágora debulla os grandes desafíos TIC que deixa a pandemia, a guerra e a crise enerxética
Compartir Este Artigo

