Dende o Campus de Pontevedra chegounos unha novidade editorial que aborda directamente, dende un punto de vista crítico, o concepto de economía colaborativa, unha metodoloxía de traballo que despegou a comezos da pasada década impulsada polas plataformas de intercambio de recursos e información entre particulares para logo abranguer grandes plataformas como Airbnb ou BlaBlaCar. Trátase de Crítica de la economía colaborativa: análisis del modelo y sus alternativas desde una perspectiva sociológica, publicado na colección Politeya do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). O autor, Javier de Rivera, é investigador do Post-Growth Innovation.
Sociólogo especializado no estudo das tecnoloxías dixitais desde unha perspectiva crítica, De Rivera Outumuro xa abordara previamente a cuestión deste novo tipo de produción económica. Foi na súa tese de doutoramento, que defendeu en 2019 na Universidad Complutense de Madrid e que constitúe “o punto de partida deste libro”, sinala. Seleccionada nunha convocatoria do CSIC para a publicación de investigacións nos ámbitos da socioloxía e a ciencia policía, a súa tese foi polo tanto o alicerce dunha publicación, a que vén de sacar do prelo, que “trata de poñer en claro un concepto que sempre me deu problemas á hora de definilo” nun traballo “máis divulgativo”, recoñece este investigador, que hai uns meses se incorporaba ao grupo de investigación impulsado por Mario Pansera no campus pontevedrés para traballar no proxecto H2020 JUST2CE.
O libro ábrese cunha “aproximación crítica ao proceso que deu lugar a este paradigma e as súas implicacións sociais”, na que De Rivera propón unha “lectura en profundidade” do concepto. No principio, explica, a economía colaborativa aparece como unha “forma de interpretar determinadas plataformas”, como Airbnb, ligadas a grandes investimentos de capital risco. “O que pasou é que na promoción deste concepto vinculouse este tipo de plataformas con iniciativas sociais sen ánimo de lucro, que xa existían antes pero que sempre foran moi pequenas e nunca acababan de chegar ao gran público”, sinala. Como exemplos, lembra que as primeiras “plataformas de intercambio de casas” remóntanse á década de 1950 nos Estados Unidos, así como o labor que desde finais da década de 1970 leva a cabo a asociación belga M-Pact, que promove “proxectos de carpooling”, desde unha lóxica “baseada na colaboración e en compartir custos”.
A investigación levouno a pór o foco na existencia de “dúas tendencias contrapostas na economía dixital”. Unha, explica, orientada á satisfacer necesidades sociais a través de iniciativas “realmente colaborativa”, e outra na que se insiren unha serie de plataformas que responderían ao que define como “capitalismo dixital”, baseadas na lóxica dunha “economía de mercado”, trasladada a unha contorna virtual. Segundo explica, “Airbnb é basicamente unha páxina de aluguer de casas ou habitacións. A única diferencia é que fano persoas individuais, pero non está establecendo un modelo que se basee na colaboración”, sostén De Rivera. Neste punto, pon o foco nas diferencias entre as iniciativas sen ánimo de lucro a aquelas que “ao facilitar que a economía de mercado se desenvolva entre particulares, o que fan é desrregularizar a economía”, contribuíndo, engade, a unha maior precariedade, a xerar “máis diferencias sociais” a longo prazo e á “concentración da riqueza”, xa que os intermediarios locais son substituídos por “un único grande intermediario que é a plataforma”.
O investigador Javier de Rivera cuestiona o concepto de economía colaborativa das grandes plataformas
Compartir Este Artigo

