O voceiro municipal do BNG de Cartelle, Manuel Osorio, vén de rexistrar no concello unha batería de preguntas e medidas con vistas a que sexan emendados os problemas locais de cobertura móbil e o que o eido cualifica de “deficiente estado da rede de Internet no municipio”. Neste senso, pediu ao Goberno local que dea a coñecer estado no que se atopa o desenvolvemento da fibra óptica e as vindeiras acometidas previstas.
“En caso de que se atopasen paralizadas”, indica Osorio, a organización nacionalista esixirá coñecer se a institución municipal ten previsto facer algún tipo de presión ou negociación coas diferentes operadoras telefónicas para poder levar fibra óptica ás localidades do concello.
Na petición o grupo nacionalista pon o foco na torre de telefonía de Seixadas, da cuxa operatividade e estado actual reclama información o BNG, amais de sobre a súa capacidade real para dar servizos aos núcleos de Ella de Arriba e de Abaixo, Couxilioño, ou calquera “outro dos pobos nos que actualmente a cobertura móbil é moi deficiente e onde resulta case imposible captar o sinal de internet con certa nitidez, ou mesmo facer unha simple chamada sen que se entrecorte”.
Amais, ante “as necesidades do alumnado do municipio”, os nacionalistas propoñen ao Concello que “se dispoñibilice un local con cobertura de Internet para o alumnado que precise destes servizos ante as deficiencias que padece o municipio.
“Hoxe por hoxe”, declara Manuel Osorio, “o acceso a unha rede estable de datos é unha necesidade imprescindible para poder acceder a informacións tan básicas e vitais como as citas previas médicas, servizos financeiros, trámites administrativos ou incluso clases e exames telemáticos, canto máis se estamos a falar de concellos do rural”.
O BNG pide ao Concello de Cartelle que solucione os problemas locais de conectividade
Compartir Este Artigo

