A operadora de orixe galega R, a UDC e a UVigo veñen de confirmar un novo pulo para a Cátedra R en Ciberseguridade, impulsada polas tres entidades co obxectivo de “responder ás crecentes necesidades nesta materia na sociedade e na empresa”. O convenio de renovación da iniciativa de investigación, divulgación e docencia foi asinado este mércores 30 de marzo polos reitores das Universidades da Coruña e de Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente, e máis Alfredo Ramos, director de R. Lembraron que se trata da primeira cátedra interuniversitaria galega, creada en 2018: unha “cátedra pioneira para traballar man a man no ámbito da seguridade no universo dixital”.
O obxectivo agora é manter intactos os alicerces e fortalecer os obxectivos fundamentais: promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habelencias dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. “A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”, sinalaron.
O reitor da Universidade de Vigo salientou a importancia de renovar “unha Cátedra pioneira centrada no desenvolvemento das capacidades do alumnado e en trasladar o coñecemento xerado no ámbito da ciberseguridade ás empresas, dándolle así resposta ás súas necesidades”. Logo de tres anos de colaboración, Manuel Reigosa, agradeceu “o traballo desenvolvido por todos os parceiros da Cátedra R en Ciberseguridade, “un exemplo de colaboración das universidades públicas, neste caso co operador R no eido da seguridade no universo dixital”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña resaltou que “hai tres anos se asinouse este convenio de creación da Cátedra R de Ciberseguridade nun momento en que era importante empezar a desenvolver o coñecemento sobre ciberseguridade. Tres anos despois vemos que é necesario dispoñer de sistemas que nos protexan. A situación actual, mesmo coa invasión de Ucraína, pon en alerta a todas as empresas e institucións que necesitan dispoñer de sistemas de seguridade informática”.
Alfredo Ramos considera “unha boísima nova a renovación desta Cátedra R en Ciberseguridade que vencella dúas grandes universidades galegas con R. Un acordo que xa hai tres anos marcou un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abriu un vieiro para traballar conxuntamente, institucións públicas e privadas, a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, profundando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións. Porque esta materia -continuou o director de R- vén de confirmar a súa relevancia e esencialidade durante a crise sanitaria e mesmo nesta etapa postpandémica que agora comezamos. Na conxuntura actual, a ciberseguridade vai requirir aínda máis, se cabe, a nosa atención para garantir o maior grao posible de seguridade a persoas e empresas nun mundo cada vez máis dixitalizado a todos os niveis”.
Liñas de actuación
Entre as liñas de traballo da iniciativa conxunta entre R, a UDC e a UVigo destacan as seguintes:
-Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
-Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas universidades.
-Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade.
-Capacitación en competencias relacionadas coa ciberseguridade tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.
R, a UDC e a UVigo darán continuidade á Cátedra R en Ciberseguridade
Compartir Este Artigo

