Emprego deu a coñecer que vai ofrecer itinerarios individualizados para que unhas 1.097 mulleres desempregadas poidan mellorar as súas oportunidades laborais e acceder a un posto de traballo. Farao poñendo o foco na dixitalización e na economía verde, a través dunha nova liña de apoios dotada con 2,8 millóns de euros a disposición dos concellos e dos seus programas integrados de emprego feminino no rural. As axudas poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 14 de outubro.
Os apoios, que se financiarán con fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), garantirán “o acompañamento a mulleres en desemprego por medio de programas que combinarán accións de orientación laboral co asesoramento, a información, a formación e a adquisición de competencias e habilidades transversais”, sinalou a Consellería de Emprego, engadindo que poden ser beneficiarios da nova liña os concellos de menos de 5.000 habitantes a título individual ou como agrupación ou mancomunidade de concellos; neste último suposto o 35% dos municipios que conformen esa unión deben ter menos de 5.000 habitantes.
Os programas a desenvolver polas entidades locais están concibidos para facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia. Así, a formación impartida dirixirase a mellorar a capacitación para postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve a iniciativa.
A Xunta quere que os programas melloren as competencias das mulleres cara a empregos verdes e dixitais, de xeito prioritario. Máis aló destes dous ámbitos, porán o foco no eido do emprendemento e a economía social; as enerxías renovables; o tratamento de augas e residuos; os aproveitamentos forestais e agrarios respectuosos co medio; a economía circular; a dixitalización de servizos; as actividades comerciais en liña; a tecnoloxía; o desenvolvemento local rural e sustentable; e as actuacións que favorezan a cohesión social (por exemplo, a intervención con colectivos vulnerables).
Emprego promove a inserción laboral das mulleres do rural con programas de economía verde e dixital
Compartir Este Artigo

