A Consellería de Cultura e Educación incorporou á Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana) preto de 700 novas publicacións. Trátase, por formatos, de monografías, folletos, mapas, carteis e postais dixitalizados que están xa dispoñibles para a súa consulta de balde no devandito repositorio. Na listaxe de documentos hai obras de Emilia Pardo Bazán e pezas singulares como unha colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española en diferentes localidades.
As obras dixitalizadas nesta ocasión proceden de orixinais conservados na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura de Galicia e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.
Segundo informou a Consellería, con este traballo incrementouse o rango cronolóxico dalgunhas publicacións periódicas xa presentes en Galiciana. Ademais, dixitalizáronse 33 títulos que proceden do Fondo Bibliográfico Abanca, incrementándose así ata 210 as obras accesibles no micrositio dedicado a esta importante colección dispoñible en Galiciana.
Entre os elementos concretos incorporados a Xunta salienta o que sería o único exemplar coñecido da obra Estimvlo para bien obrar: el qval es vtil y prouechoso para todo buen christiano: compuesto por el Licenciado Francisco de Lara. Procede do Colexio Imperial, centro de ensino da Compañía de Xesús, establecido en Madrid a finais do século XVI.
Ao abeiro da colección de patrimonio bibliográfico da Biblioteca de Galicia dixitalizáronse 94 títulos de monografías e folletos, dos que son destacables os 15 novos títulos dixitalizados de obras de Emilia Pardo Bazán, entre eles a edición de 1916 de La última fada, ou as novelas cortas La gota de sangre e Finaprol, publicadas na colección Los Contemporáneos, que saíu a rúa en Madrid na primeira década do século XX.
Todo o fondo bibliográfico dixitalizado ata o momento relacionado con Emilia Pardo Bazán pódese consultar nun micrositio propio dentro da biblioteca dixital e suman un total de 90 títulos e máis de 23.000 imaxes.
Amais, do fondo Núñez de las Cuevas, especializado en cartografía e ciencias da terra, dixitalizáronse nesta ocasión dous folletos editados durante a Guerra Civil española polo bando republicano, con indicacións para os soldados sobre a lectura e interpretación de mapas e planos.
Por outra banda, tamén son salientables 57 carteis procedentes do Depósito Legal custodiado na Biblioteca Pública da Coruña e do fondo de materiais especiais da Biblioteca de Galicia. Esta última institución achega tamén a este novo proxecto de dixitalización outros tipos documentais como dous mapas turísticos da provincia de Pontevedra ilustrados por Agustín Portela Paz e as 484 postais conservadas no seu fondo.
Polo que se refire ás postais dixitalizadas, estas recollen fotografías de localidades de toda Galicia saídas dos estudios fotográficos de autores como Lucien Roisin Besnard, fotógrafo francés establecido en Barcelona, ou a saga de fotógrafos tamén franceses, Avrillon, establecidos estes na Coruña. Orixinario tamén de Francia era José Sellier, introdutor do cinematógrafo en Galicia, con estudio na Coruña, do que saen fotografías en formato postal que se poden consultar desde agora en Galiciana.
Ademais, tamén véñense de dixitalizar pezas únicas como colección de billetes impresos durante a Guerra Civil española polas Casas del Pueblo de diferentes localidades, destinadas a suplir a falta de moedas que se deu durante este período, xa que se precisou de todo o metal para destinalo á industria de guerra. En canto aos carteis, destacan os de temática teatral e os de festas.
A Biblioteca Dixital de Galicia, Galiciana, recibe 700 novas publicacións
Compartir Este Artigo

