A semana pasada entregáronse os premios do Concurso de TikTok Conecta coa Economía Circular, organizado polo Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) co obxectivo de concienciar e sensibilizar ás novas xeracións (mozas e mozos de idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos), a través das redes, na necesidade de apostar polos hábitos sustentables de consumo e produción. Para participar tiñan que realizar un vídeo a través da aplicación Tik Tok centrado nas 4R: reducir, reutilizar, reciclar e reparar. Os vídeos debían ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o cancelo #EuCompost_ela.
O xurado, conformado por representantes do Concello de Santiago, da UCGAL e polo crítico cinematográfico e musical Moncho Lemos, outorgou o primeiro premio deste concurso a Lucía García Amado, que se centrou en como abordar a problemática da contaminación ambiental a través das 4R; o segundo a Amira Rosón Prieto, que apostou por mostrar como darlle unha segunda vida á roupa; e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez, que abordou o impacto que está a ter o gran volume de lixo que xeramos e como podemos facerlle fronte.
As tres gañadoras do certame foron recibidas no Salón Vermello do Pazo de Raxoi polo alcalde de Santiago, quen destacou e lles agradeceu o seu compromiso co medio ambiente e coas 4 erres de ecoloxía. No acto tamén estaban presentes a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; e as edís do PP, María Antón; e de Compostela Aberta, Branca Novoneyra.
Durante o acto, a gañadora recibiu de man do alcalde un vale por 200 euros para usar no comercio local compostelán. Tanto a segunda como a terceira premiada recibiron un vale por 100 euros para gastar en establecementos de Santiago de Compostela.
Baixo o paraugas do proxecto #EuCompost_ela, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia continuarán a desenvolver actividades ao longo dos vindeiros meses. Dirixidas para público adulto, mozo e infantil, estas accións buscan afondar na difusión da economía circular entre os composteláns, promovendo o coidado do medio ambiente e o consumo de forma responsable.
O Concello de Santiago e a UCGAL entregaron os premios do concurso de TikTok sobre economía circular
Compartir Este Artigo

