A Deputación de Ourense confirmou a súa participación nos vindeiros traballos para crear o que sería o primeiro museo virtual da informática de Galicia, impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que preside Fernando Suárez. O obxectivo da iniciativa é “conservar e divulgar o patrimonio tecnolóxico e mostrar a importancia destes avances para cambiar a sociedade nas últimas décadas”. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, avanzou o apoio a este proxecto tras reunirse no Pazo Provincial co presidente do Colexio, Fernando Suárez.
O museo virtual, sinalaron, será “unha aposta por divulgar como as tecnoloxías cambiaron a sociedade nas últimas décadas”. Representarase un espazo similar a unha gran sala de exposicións, con diferentes lugares para que o visitante poida acceder aos contidos e servizos ofrecidos polo museo. O proxecto usará, segundo a proposta, as “máis avanzadas técnicas de creación de contornas 3D”, e sen que sexa preciso que os usuarios-visitantes teñan “uns requirimentos de hardware potentes para explorar espazos tridimensionais coa máxima calidade visual”. A idea é que o museo virtual poida ser visitado dende un computador, unha tableta ou un teléfono móbil intelixente. Será accesible a través dun enderezo web, sen necesidade de instalar ningún visualizador ou plugin específico, explicaron.
Obxectivos do proxecto
Suárez e Baltar manifestaron que neste recinto virtual o visitante poderá desprazarse de maneira libre por todo o espazo recreado e exploralo. “Esta será unha forma de achegar os contidos ao usuario de maneira máis natural e intuitiva, podendo o visitante desprazarse polo museo virtual como nun espazo real, nunha visita virtual interactiva”, apuntaron, engadindo que estamos ante “unha solución innovadora que va máis aló da web tradicional, empregando a experiencia virtual como vehículo para facilitar o acceso a información a través dunha interface sinxela, permitindo a aproximación aos contidos a usuarios con distintos niveis de madurez dixital”.
Este museo virtual de informática de Galicia constará de espazos como unha zona de benvida – para consultar información sobre diferentes áreas e equipamentos informáticos segundo temática ou cronoloxía-, unha zona de descarga de de documentación, pantallas multimedia ou zonas de proxección.
En cada espazo o visitante poderá atopar (en recreacións 3D) os primeiros equipos informáticos, sistemas de comunicación e computadores, e todo constando de información adicional para ampliar. Entre as derivadas do proxecto está recuperar equipos que estaban a piques de desaparecer, como un computador analóxico da Universidade de Santiago ou os primeiros sistemas de supercomputación que houbo en Galicia. Nunha seguinte fase, o proxecto pasaría por crear un espazo museístico físico, sinalaron, deixando a porta aberta á posibilidade de que universidades, administracións públicas e entidades privadas sumen as súas achegas ao proxecto.
O CPEIG e a Deputación de Ourense suman forzas para crear o primeiro museo virtual da informática de Galicia
Compartir Este Artigo

