
O vindeiro 22 de abril toca falar das capacidades do noso tecido investigador e tecnolóxico en relación á cultura, á ciencia e ao patrimonio. Será no marco dunha cita de divulgación e debate organizada polo Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC). A xornada Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia terá lugar o venres 22 de abril de 2022 no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A xornada busca pór en común as diferentes capacidades dos grupos de investigación do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego no eido da transición dixital na cultura e o patrimonio, así como a identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.
O evento, que dará comezo ás 9:30 horas, contará na súa conferencia inaugural con Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidade Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Durante a súa presentación, falará sobre as perspectivas dos seus proxectos de investigación e afondará sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades.
Deseguido, a axenda inclúe a participación de diversos investigadores do CSIC, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e das tres universidades galegas que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital.
O evento rematará ás 15:00 horas tras uns petiscos networking. Asistirán destacados representantes dos Clústers TIC, Audiovisual e de Turismo de xeito que se poida dar lugar a formulación de propostas público-privadas.
Trátase dun evento aberto; as persoas interesadas en asistiren deberán formalizar a súa inscrición antes do día 20 de abril mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo xornada.culturadixital@udc.gal.
A UDC organiza unha xornada sobre as nosas capacidades en cultura dixital
Compartir Este Artigo

