
Podcast e humor
Despois dunha primeira xornada (a deste xoves 7) adicada ao talento dixital galego amenizada pola gravación en directo de Gen Playz, o Carballo Interplay recupera este venres a súa programación profesional co podcast como protagonista. O Festival de Contidos Dixitais abre un espazo de diálogo para fomentar alianzas entre creadoras/es, produtoras e plataformas de arquivos sonoros galegas e estatais, co obxectivo de favorecer a creación de proxectos conxuntos.
Completan o programa do venres dous dos pratos fortes deste Carballo Interplay: o espectáculo que ofrecerán dúas das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual (Ana Polo e Asaari Bibang) e a gravación en directo do podcast Tardeo, de Radio Primavera Sound, coa xornalista Andrea Gumes, que estará acompañada de Las Hijas de Felipe e Nerea Pérez de las Heras.
Ana Polo é xornalista e traballou en varios programas de RTVE, Rac 1 e Cataluña Ràdio. Tamén foi colaboradora e guionista de No te metas en política e actualmente pódese atopar no podcast Oye Polo de Radio Primavera Sound e en Feministic, un programa divulgativo sobre feminismo en clave de humor de Fibracat TV.
Pola súa parte, Asaari Bibang é unha actriz e cómica de Guinea Ecuatorial afincada en España. Participou na Riot Comedy, o proxecto feminista da cómica Penny Jay, no festival de humor feminista Coñumor e en programas como La Resistencia, Las que faltaban ou Comedy Central. En 2021 presentou o seu espectáculo afrofeminista Humor Negra e ademais colabora con Pikara Magazine e con El País.
Xornada profesional adicada ao formato sonoro
A xornada profesional do 9º Carballo Interplay (este venres) dividirase en dúas partes: dende as 10h ata as 16h30 haberá presentacións e debates e, a partir desa hora, establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.
Abrirán as conversas Jesús Blanquiño, xefe de proxectos de Podium Podcast, Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, e Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas de Radio Galega, falando do aumento de consumo de podcast en España e o seu papel como referencia a nivel mundial na escoita de contidos, sendo ouvinte habitual de arquivos sonoros dixitais un de cada tres españois.
Deseguido, Ana Garriga e Carmen Urbita, produtoras do podcast Las hijas de Felipe, Manuel Bartual, director, escritor e guionista detrás dos programas sonoros Biotopía e Santuario, e Carmen Pacheco, creadora e guionista tamén de Santuario, falarán sobre as posibilidades deste formado radiofónico dixital como nova forma de difusión e narración no panel Novas formas de contar. Da ficción sonora á divulgación. Ademais, o propio Manuel Bartual ofrecerá no marco desta edición do festival o obradoiro Escribamos ficción sonora, no que amosará o proceso de creación dos seus podcasts e analizará cos asistentes a esta formación como abordar e desenvolver en formato audio unha ficción cos medios que habitualmente a xente ten ao seu alcance.
A continuación, falarase da industria dos festivais que xiran en torno á cultura popular e dixital. Para iso estarán Edgar Riu, Maria Farràs, Clara Duch e Lucia Calvo (tamén coñecidas como Filles d´Internet) por parte do Memefest, unha cita cultural desenfadada e catártica para pensar e rir a creación humorística en redes; Borja Crespo dende Tracking Bilbao, un festival que conta con profesionais especializados, exemplos afianzados e novos talentos; e Betu Martínez e Victor Sala de Serielizados, un evento anual sobre ficción e series organizado pola revista do mesmo nome xa consolidado no panorama cultural catalán e español. Analizarán o panorama actual, así coma a procura de novas tendencias de lecer e consumo cultural no panel Festivais adicados á cultura popular, dixital e series.
A última hora da mañá celebrarase o encontro CREA feat Podgalego. Nesta actividade, CREA e Podgalego xúntanse na Zona PRO para falar sobre a importancia do traballo sonoro na arte e reflexionar sobre a importancia do son e a imaxe nunha conversa con diferentes profesionais da palabra e da música.
Finalmente, ás 17h, comenzará o Encontro PRO no que quen o desexe poderá presentar os seus proxectos a produtoras de podcast como Podium Podcast, Radio Primavera Sound e Radio Galega Podcast.
Programa completo
Xoves 7
10h00. Presentación certame Dinosaurio Escolas e proxección da serie Cacola con David Fidalgo
12h00. Petiscos no Derby con Carme D. Prol, Nico Carreira, Adrián Lede, Tamara Pazos, Prado Rúa, Esther Estévez, Olaxonmario e Berto
17h00. Sección Oficial. Bloque Outra Historia
18h30. Pitching proxectos webserie en galego
20h00. Gen Playz en directo con Inés Hernand
22h30. Angélica y Roberta. Festa dos 10 anos
Venres 8: Día PRO
10h00. Panel 1. Profesionalización do podcast. Con: Podium podcast, Radio Primavera Sound, Radio Galega Podcast
11h00. Panel 2. Novos xeitos de contar. Dende a ficción sonora á divulgación. Con: Ana Garriga e Carmen Urbita (Las hijas de Felipe), Manuel Bartual (Biotopía), Carmen Pacheco (Santuario)
12h00. Panel 3. PROXECTA. Festivais dedicados á cultura popular, dixital e series. Con: Memefest (Filles d’Internet), Tracking Bilbao (Borja Crespo), Serielizados (Betu Martínez e Víctor Sala)
13h30. CREA Feat Podgalego
17h00. Sección oficial: bloque de series MOVIDAS HUMANAS
17h00. ENCONTRO PRO
18h30. Estrea da serie Pringadas, de Belén Puime
20h00. Tardeo (Radio Primavera Sound) con Andrea Gumes, Nerea Pérez de las Heras e Las Hijas de Felipe
22h00. Rajando con… Ana Polo e Asaari Bibang
Sábado 9
10h00. Obradoiro de podcast “Escribamos ficción sonora”, con Manuel Bartual
11h30. Activismo, divulgación e feminismo(s) na rede. Con: Nerea Pérez de las Heras, Eugenia Tenenbaum, Ana Polo e Asaari Bibang
13h00. Sesión vermú con Marta Salicrú
18h00. Sección oficial: bloque de series MIX DE TRASNADAS
19h30. CFA con Elizabeth Duval: “Cartas a las niñas del 2000”
21h00. Entrega de premios: “A desfeita!”, con Porco Bravú
O Carballo Interplay rende homenaxe á comedia e ao formato podcast
Compartir Este Artigo

