O Concello de Lugo vai lanzar un obradoiro de emprego dual para incrementar as oportunidades laborais de dúas decenas de persoas en paro. O alicerce do obradoiro serán as novas tecnoloxías envorcadas na protección e promoción do medio natural, no turismo responsable e xerador de riqueza a curto, medio e longo prazo, ou na economía circular. A medida, impulsada dende a área de Desenvolvemento Local que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, desenvolverase baixo o nome Lugo Sostible 5.0.
O obxectivo será “poñer en valor e promover a cidade sustentable que somos, con ferramentas dixitais e contidos multimedia interactivos e audiovisuais, ao tempo que se dota a 20 traballadores/as de coñecementos e destrezas profesionais que faciliten o seu acceso ao mercado laboral con garantías suficientes, partindo dunha situación de desemprego”, avanzou a concelleira, engadindo que do que se trata é de “impulsar mediante a aplicación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e a xeración de contidos multimedia interactivos, todos os recursos tanto históricos, culturais e naturais do municipio cun enfoque centrado na sustentabilidade, orientados a sectores turísticos”.
A iniciativa tería unha duración dun ano, tempo no que o alumnado poderá estar remunerado co salario mínimo profesional.
Lugo Sostible 5.0 foi deseñado para ofrecer tres módulos sobre Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxías Web; Desenvolvemento de Produtos Audiovisuais Multimedia Interactivos e Xestión de Mercadotecnia e Relacións Públicas.
A tenente de alcaldesa reiterou que a organización obradoiro, que tería un custo de 524.987 euros, depende do cofinanciamento da Consellería de Emprego e Igualdade que achegaría en torno ao 95% do seu financiamento.
O Concello de Lugo impulsa un obradoiro de emprego para 20 persoas baseado nas TIC
Compartir Este Artigo

