A Cámara da Coruña presentou na mañá deste 8 de abril a Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia, que entrará en funcionamento neste ano. Para a creación e posta en marcha desta Oficina, a entidade conta co respaldo do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Concello de Arteixo, a Autoridade Portuaria da Coruña e da Universidade da Coruña.
A Oficina, que terá a súa sede operativa nas dependencias da propia Cámara de Comercio, nace co obxectivo de “captar e atraer investimento tecnolóxico e industrial, principalmente no contexto da Industria 4.0”, cara aos polígonos industriais xa implantados e aqueles en vías de desenvolvemento. Así mesmo, as actuacións que se realicen estarán aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local, tal e como se recolle no Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial elaborado pola entidade cameral.
Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña, destacou que do que se trata con este novo servizo é “de revitalizar a atractivo da área para a localización de novas iniciativas con potencial innovador e de crecemento e mellorar a competitividade das xa instaladas”. Para iso, dixo, “imos ser proactivos na atracción de proxectos tecnolóxicos e industriais á área, sobre a base dunha estratexia de promoción coordinada, o impulso dunha dinámica activa e a proxección dunha imaxe conxunta da área como potencial receptor de investimentos industriais”.

