O Concello de Santiago, unha das principais entidades mergulladas na organización da Maker Faire Galicia, compartiu algúns dos detalles do programa deste importante acontecemento tecnolóxico, con probabilidade un dos máis relevantes de Europa en materia de ferramentas abertas, intelixentes e argalleiras. Segundo avanza, a feira terá este ano formato híbrido (recuperando actividades presenciais e protagonismo físico dende a Cidade da Cultura), contará con 60 proxectos seleccionados (tanto galegos como nacionais e internacionais) e será apoiada in situ por algúns dos principais representantes do movemento maker a nivel mundial (persoas expertas en startups innovadoras, en educación STEAM, en saúde mental a través da tecnoloxía ou en inclusión social mediante métodos innovadores).
A Maker Faire Galicia celebrarase entre 1 e o 5 de xuño no Gaiás.
Organiza Design Thinkers and Makers S.L.
Entre estes persoeiros das tecnoloxías argalleiras atotaparase Pepe Martín, director executivo (CEO) de Minimalism, firma innovadora que é un referente en emprendemento consciente e, tamén, en trasparencia ou sustentabilidade. Participará nas xornadas da industria o 2 de xuño. Esta marca de roupa e complementos converteuse en referencia no ámbito do emprendemento tanto pola súa honestidade brutal como por cambiar a forma de facer as cousas nun sector tan complexo como o téxtil.
Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos, e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios.
A xornada educativa, o día 3 de xuño, contará, entre outros, coa presenza de dúas referencias a nivel internacional. Por unha banda Ousman Umar, fundador da ONG Nasco Feeding Minds e gañador do Premio da Fundación Princesa de Girona do ámbito social en 2021 (Nasco Feeding Minds é unha ONG onde se desenvolven proxectos educativos e se impulsan aulas informáticas en zonas rurais de África co obxectivo de alfabetizar dixitalmente aos máis novos ofrecéndolles así máis oportunidades). Por outra banda, estará presente na feira Gitanjali Rao, figura sobranceira do mundo Maker e unha defensora da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3 M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30, ten tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.
Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos. Haberá obradoros e proxectos (no Museo Gaiás), nos que participarán expertos como Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial.
Entre a oferta de obradoiros desta edición destaca unha nova edición da Game Maker JAM, cita creativo-formativa a cargo da academia compostelá VermisLAB, e o proxecto Code Week, así como algunha novidade máis que será desvelada ao longo destes días.
A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia e Innovación.
A Maker Faire Galicia xuntará en Santiago aos principais representantes das tecnoloxías creativas
Compartir Este Artigo

