Telefónica España comunicou o recente acendido da 5G na banda de 700 MHz en 18 novos concellos da provincia de Pontevedra, tras o primeiro grupo de cinco (Lalín, Redondela, Valga, Vigo e Pontevedra) activados a finais de febreiro. Este prendido dá continuidade aos traballos para espallar esta rede en Galicia, tras a autorización por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para activar os equipos de radio (nodos) desta banda de frecuencias.
Sobre as posibilidades que abre esta despegadura para os ditos territorios, Telefónica explica que a banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, “permite dar unha cobertura máis extensa, penetra mellor en interiores e universaliza algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia (retardo)”. Deste xeito “convértese no complemento perfecto para a banda de 3,5 GHz”, na que tamén opera Telefónica, e que destaca para servizos que precisan de moi alta velocidade de transmisión, pero que ten un alcance menor e atravesa peor algúns obstáculos como as paredes dos edificios, algo que si posibilita o sinal na banda de 700 Mhz.
O obxectivo en toda España é terminar o ano con 1.400 municipios con 700 MHz e en 2023 chegar aos 2.400.
Con este acceso, Telefónica segue completando a cobertura 5G, que en España chega xa a máis do 80% da poboación, a todas as capitais de provincia e tanto ás grandes poboacións como a pequenas localidades de menos de 3.000 habitantes.
A relación de concellos con estacións de 5G 700 Mhz activadas na provincia de Pontevedra é a seguinte: A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilanova de Arousa e Salvaterra de Miño.
Telefónica segue estendendo a 5G na banda de 700 MHz en Pontevedra
Compartir Este Artigo

