Este venres, 22 de abril celebrarase en Santiago unha xornada para avaliar a rica confluencia entre dixitalización e patrimonio. A cita (Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia) será no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Virá da man do Campus Innova da Universidade da Coruña en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e co Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
No evento participarán diversos investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, así como do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital.
A xornada inclúe unha conferencia inaugural da man de Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidad Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Durante a súa presentación, falará sobre as perspectivas dos seus proxectos de investigación e afondará sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades. Así, no seu relatorio tratará temas como o deseño motivacional, a xestión de datos, a visualización ou o modelado. Ademais, informará sobre as perspectivas de investigación e as actividades da máquina do tempo da UE e os proxectos anteriores e en curso da súa cátedra.
Trátase dun evento aberto; as persoas interesadas en asistiren deberán formalizar a súa inscrición antes do día 20 de abril mediante o envío dun correo electrónico a xornada.culturadixital@udc.gal
Para todas as persoas inscritas pertencentes á UDC estará dispoñible un servizo de traslado gratuíto á Cidade da Cultura. A saída será ás 8:30 h desde a glorieta do Campus de Elviña e a volta ás 15:15 h. Na sección de eventos da web da UDC atópase toda a información, así como o programa da xornada.
A UDC reúne este venres na Cidade da Cultura a investigación galega en cultura e patrimonio
Compartir Este Artigo

