Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), recibiu o apoio da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) como entidade promotora. FEUGA, que xa formara parte de edicións anteriores de BFFood como membro do comité técnico e entidade colaboradora, participa agora no desenvolvemento do Infoday da cuarta convocatoria xunto ao dito clúster. O evento celebrarase o vindeiro 3 de maio ás 10.00 horas en Santiago de Compostela.
Xuntará autoridades, grandes empresas e novas firmas innovadoras (startups) representantes da BFFood para “realizar unha retrospectiva de edicións anteriores” e “profundar nos programas e recursos que ofrece a aceleradora na súa cuarta edición”, segundo informan FEUGA e CLUSAGA, que engaden que na cita ofreceranse a maiores todos os detalles relativos á presentación de proxectos, cuxo prazo mantense aberto ata o 13 de maio.
Programa do Infoday
Trala benvida de representantes de CLUSAGA, XesGalicia e FEUGA, celebrarase a presentación do informe de tendencias Agrifood 2022, realizado pola Fundación Europea INTEC e no que se recollen as últimas tendencias e proxeccións máis importantes do sector agroalimentario. Juan Francisco Delgado, vicepresidente executivo da Fundación, levará a cabo a presentación.
Deseguido, representantes de dúas empresas mentoras da BFFood, CEAMSA e Hijos de Rivera, e os directores executivos (CEO) de dous proxectos de éxito de pasadas edicións, ODS Protein e Galinsect, integrarán a mesa redonda BFFood. Retos e solucións para a alimentación do futuro, que
virá seguida da mesa Oportunidades para o crecemento e a valorización do coñecemento, integrada por representantes de BFFood, FEUGA, XesGalicia e Unirisco. O peche da xornada servirá para profundar nos detalles da cuarta convocatoria da aceleradora da man de representantes de CLUSAGA e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e, para terminar, darase paso ao coffee networking.
CLUSAGA e FEUGA colaboran na organización do Infoday da cuarta edición de BFFood
Compartir Este Artigo

