A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) compartiu o programa completo de actividades do Infoday da cuarta edición da Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), que conta agora con FEUGA como entidade promotora. Segundo fai saber a fundación, o evento celebrarase o vindeiro 3 de maio ás 10.00 horas no salón de actos da sede da Fundación en Santiago.
Reunirá a autoridades e representantes da BFFood para realizar unha retrospectiva de edicións anteriores e profundar nos programas e recursos que ofrece a aceleradora na súa cuarta edición. Ademais, ofreceranse todos os detalles relativos á presentación de proxectos, cuxo prazo se mantén aberto ata o 13 de maio.
Programa do Infoday
Trala benvida de representantes de CLUSAGA, XesGalicia e FEUGA, celebrarase a presentación do informe de tendencias Agrifood 2022, realizado pola Fundación Europea Intec e no que se recollen as últimas tendencias e proxeccións máis importantes do sector agroalimentario. Juan Francisco Delgado, vicepresidente executivo da entidade, levará a cabo a presentación.
A continuación, será a quenda para os representantes de dúas empresas mentoras da BFFood, coa intervención de Pedro Arenas, responsable de Innovación Aberta de CEAMSA; Yago Campos, director de I+D+i de Hijos de Rivera, e os director executivos (CEO) de dous proxectos de éxito de pasadas edicións, Iria Varela de ODS Protein e Rubén Recamán de Galinsect, que integrarán a mesa redonda BFFood. Retos e solucións para a alimentación do futuro.
O bloque do programa adicado a Oportunidades para o crecemento e a valorización do coñecemento, contará coa participación de Xosé Ramón Vázquez, responsable de BFFood; Noelia Vilar, xestora de Transferencia Tecnolóxica e Valorización de FEUGA; Yolanda Falcón, directora de Xestión de Participadas de XesGalicia e Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco. O peche da xornada será a cargo de Roberto Alonso, xerente de CLUSAGA, e Patricia Fernández, directora de Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que darán paso ao coffee networking final.
FEUGA acolle o Infoday da cuarta edición da aceleradora BFFood
Compartir Este Artigo

