O vindeiro 9 de maio remata o prazo para que empresas e autónomos de zonas illadas do rural poidan solicitar as axudas para a dotación de banda larga ultrarrápida a través da convocatoria que se publicou o pasado 23 de marzo no Diario Oficial de Galicia, dando continuidade á actuación posta en marcha pola AMTEGA xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida en Galicia.
Nesta terceira convocatoria, na que a AMTEGA destina outros case 880.000 euros, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
As convocatorias de 2017 e 2019 sumaron 1.100.000 de euros que permitiron que máis e 80 empresas, con case 1.300 traballadores en total, dispoñan actualmente dun servizo de banda larga con velocidades de acceso que van dende os 30 Mbps ata os 600 Mbps.
Características da convocatoria
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado, de 100 Mbps ou máis, durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
