O mes pasado a CNN lanzou un servizo de streaming coa intención de iniciar o seu futuro dixital, CNN+ (marca coincidente co canle de televisión española que cesou as súas emisións en 2010), dende a que ofrece novas en directo, programas semanais, películas e series orixinais, contando con grandes figuras da comunicación como reclamo dun servizo que pasará á historia pola súa efémera traxectoria, xa que Warner Bros Discovery vén de anunciar o seu peche o vindeiro día 30.
Que tras só 3 semanas de vida decidisen rematar con CNN+ dá a entender que o negocio funcionaba realmente mal, pois a compañía prefire asumir as perdas da millonaria campaña de lanzamento e dos grandes contratos comprometidos coas súas estrelas da comunicación que continuar coa plataforma en marcha. Coméntase que CNN+ non tería superado os 10.000 espectadores, o que explicaría a falta de optimismo sobre a plataforma, aínda que o motivo do reducido éxito podería estar no feito de que o servizo carecese do contido da CNN (suxeito a numerosos acordos de licenzas) e só contase con producións propias, de aí que carecese de atractivo para o público.
Que isto aconteza cando Netflix anunciase que comezaba a perder subscritores, non parece ser casual, ou sexa, que dende Warner poderían ter entendido que os servizos de streaming tocaron teito, e os consumidores non están dispostos a pagar por tantas plataformas á vez, polo que o mercado terá que reestruturarse nos vindeiros anos para adaptarse á demanda real do público. De feito, a Warner tamén está a preparar a absorción do servizo Discovery+ (servizo que naceu a primeiros de ano) por parte de HBO Max.
O futuro das producións previstas para CNN+ é incerto, sendo posible que boa parte dos contidos rematen atopando oco en HBO Max e CNN.com.
CNN+ pechará a poucas semanas do seu lanzamento
Compartir Este Artigo
